Miranda inaugura “Paisaxes de Galicia”, unha exposición que achega as e os emigrantes galegos en Brasil aos seus lugares de orixe

A mostra, que recala en São Paulo logo de iniciar a súa andadura en Santos, está formada por 30 instantáneas da comunidade autónoma.

O secretario xeral da Emigración impartiu a segunda charla informativa sobre as medidas de fomento do retorno en Brasil, o segundo país con maior número de beneficiarias e beneficiarios das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME).

O departamento autonómico asinou un convenio para o mantemento do centro de día da Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de São Paulo.  

  • O secretario xeral da Emigración inaugurou na Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçao de São Paulo a mostra  “Exposicións paisaxes de Galicia no Brasil”, que tamén visitará outros centros da colectividade galega no país suramericano
    O secretario xeral da Emigración inaugurou na Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçao de São Paulo a mostra “Exposicións paisaxes de Galicia no Brasil”, que tamén visitará outros centros da colectividade galega no país suramericano
  • Miranda tamén presidiu a charla informativa sobre as medidas de fomento do retorno que o Goberno galego ten en marcha, á que asistiron preto dun cento de persoas
    Miranda tamén presidiu a charla informativa sobre as medidas de fomento do retorno que o Goberno galego ten en marcha, á que asistiron preto dun cento de persoas
  • Imaxe da inauguración de “Paisaxes de Galicia”
    Imaxe da inauguración de “Paisaxes de Galicia”
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inaugurou onte a mostra “Exposicións paisaxes de Galicia no Brasil”, que, tras pasar por Santos, chegou á Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçao de São Paulo, desde onde sairá cara ao Centro Hispano Brasileiro-Casa de Galicia desta cidade, e posteriormente a outros centros da colectividade galega no país suramericano. Organizada pola Secretaria Xeral de Emigración,  a exposición está formada por 30 instantáneas de Galicia realizadas polo fotógrafo Paco Vila.  As imaxes, impresas en lenzo de gran formato, representan a variedade de lugares de onde proveñen as e os emigrantes galegos no exterior.

A exhibición recolle paisaxes das catro provincias galegas, podéndose contemplar nela algúns dos lugares máis simbólicos da comunidade autónoma, como a Catedral de Santiago e outros menos coñecidos no exterior, como a Serra do Courel en Lugo. O autor pretende recoller na mostra “a gran variedade de lugares dos que saíron os emigrantes galegos e achegar á Galicia actual a todos os que visiten a exposición”. 

O segundo país con máis bolseiras e bolseiros de excelencia 
Trala inauguración, Miranda presidiu a segunda charla informativa sobre as medidas de fomento do retorno que o Goberno galego ten en marcha para atraer a Galicia emigrantes galegas e galegos e descendentes en idade laboral que axuden a paliar a sangría demográfica que sofre. A este encontro, celebrado na sede da entidade, asistiron preto dun cento de persoas, o que permite difundir as oportunidades de regreso principalmente entre os mozos e mozas da diáspora.

O interese que o programa das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) esperta entre a xuventude brasileira reflectiuse na primeira convocatoria, na que desde Brasil chegaron 40 das 184 solicitudes presentadas, o que o converteu no segundo país con maior número de peticións tras Venezuela. Este feito explica, asemade, que tamén sexa o segundo con maior número de estudantes cursando un mestrado nas universidades galegas nestes intres, con 19 alumnas e alumnos. 

A Xunta de Galicia está a piques de abrir a segunda convocatoria destas axudas logo de ser aprobada no Consello da Xunta da pasada semana. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de maio. 

Centro de día de São Paulo 
A intensa axenda do responsable do departamento autonómico levouno a primeira hora da tarde de onte á Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de São Paulo, coa que asinou un convenio que garante o mantemento do seu centro de día. A este fin a Secretaría xeral da Emigración dedicará este ano 12.000 euros, que pretenden garantir a asistencia a preto de vinte maiores galegas e galegos sen recursos residentes na cidade brasileira. 

Ao acto asistiron, ademais dos representantes da entidade, os propios beneficiarios e beneficiarias, con quen Antonio Rodríguez Miranda mantivo a continuación un encontro para coñecer de primeira man as súas necesidades e a súa realidade. 

Convenios e aniversario
A continuación o secretario xeral da Emigración desprazarase ata o Centro Espanhol e Repatriação de Santos, onde asinará outro convenio socioasistencial e asistirá á celebración do 123 aniversario da entidade, que aglutina máis de medio milleiro de cidadás e cidadáns galegos residentes nesta área do país suramericano.

Brasil é, ademais, o segundo país con maior presenza de galegas e galegos, con preto de 47.753, segundo os datos do INE a 1 de xaneiro de 2017. Fóra das nosas fronteiras tan só a Arxentina conta con máis persoas inscritas na nosa comunidade autónoma. 

1343 lecturas