Miranda gaba as “achegas fundamentais da emigración” á historia e presente da literatura e cultura galegas

O secretario xeral da Emigración, xunto ao de Cultura, a cónsul xeral de Uruguai e o presidente da RAG, acudiu á presentación do libro «De Compostela e o Camiño de Santiago» de Manuel Losa, escritor galego afincado en Uruguai. 

O alto cargo gabou o importante investimento social que a Xunta realiza en favor da quinta parte da poboación total, a que vive fóra do territorio, afirmando que “Galicia lidera en toda España a preocupación polas persoas que residen no estranxeiro” .

Afirmou tamén que “da mesma maneira que en Galicia o século XX foi o da emigración, o XXI será o do retorno”. 

  • O secretario xeral da Emigración, xunto ao de Cultura, a cónsul xeral de Uruguai e o presidente da RAG, acudiron á presentación do libro «De Compostela e o Camiño de Santiago» de Manuel Losa
    O secretario xeral da Emigración, xunto ao de Cultura, a cónsul xeral de Uruguai e o presidente da RAG, acudiron á presentación do libro «De Compostela e o Camiño de Santiago» de Manuel Losa
  • O secretario xeral da Emigración, xunto ao de Cultura, a cónsul xeral de Uruguai e o presidente da RAG, acudiron á presentación do libro «De Compostela e o Camiño de Santiago» de Manuel Losa
    O secretario xeral da Emigración, xunto ao de Cultura, a cónsul xeral de Uruguai e o presidente da RAG, acudiron á presentación do libro «De Compostela e o Camiño de Santiago» de Manuel Losa
  • O secretario xeral da Emigración, xunto ao de Cultura, a cónsul xeral de Uruguai e o presidente da RAG, acudiron á presentación do libro «De Compostela e o Camiño de Santiago» de Manuel Losa
    O secretario xeral da Emigración, xunto ao de Cultura, a cónsul xeral de Uruguai e o presidente da RAG, acudiron á presentación do libro «De Compostela e o Camiño de Santiago» de Manuel Losa
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda,  asistiu esta tarde á presentación do libro De Compostela e o Camiño de Santiago do escritor Manuel Losa, galego afincado en Montevideo, e que tivo lugar na Librería Couceiro da capital galega.

O evento contou tamén coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; da cónsul xeral do Uruguai en Galicia, María Hurtado de Mendoza; do presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; e da presidenta da Comisión de Actividades Culturais da arxentina ‘Fundación El Libro’, Nelly Espiño.

O alto cargo gabou a transcendencia que no pasado tiveron as e os artistas galegos residentes no estranxeiro para a proxección da literatura e cultura galegas en todo o mundo: “Boa parte das obras máis significativas da literatura galega, o mesmo ca noutras artes, foron creadas na diáspora”, recordou Miranda, quen destacou asemade que “as achegas fundamentais da Emigración foron, son e sen dúbida serán pedra angular da nosa cultura”.

Miranda lembrou que “medio millón de galegos, un quinto da poboación total, reside no Exterior, aos que habería que sumar os galegos que viven noutras comunidades autónomas españolas, uns 350.000, e ademais cada un deles transmiten aos seus fillos e fillas o amor pola terra. Non é por tanto esaxerado dicir que temos case tanta Galicia fóra coma dentro. Unha poboación que quere debuxar un futuro común: é para nós unha fortaleza, un tesouro, un activo indiscutible”.

O secretario xeral asegurou tamén que “Galicia lidera a preocupación en toda España, e tamén o investimento orzamentario, nas persoas que residen no estranxeiro. Non hai unha soa Comunidade Autónoma que invista -tanto en cifras globais como per capita- e traballe tan intensamente como Galicia para mellorar as condicións de vida dos seus paisanos residentes fóra. Nestes últimos catro anos, Galicia destinou máis de 35 millóns de euros aos seus cidadáns no Exterior”, recordou o alto cargo.

O século do retorno
O máximo responsable autonómico en materia de Emigración incidiu noutro momento da súa intervención na importancia da volta á terra das e dos galegos residentes fóra, e as e os seus descendentes: “Se o século XX foi o da Emigración, o XXI será o do retorno”, dixo Miranda lembrando as estatísticas ao respecto.

Tamén afirmou que “as e os galegos podemos presumir dunha historia de plena integración sen perder as raíces propias: os galegos do Exterior son exemplo ante o mundo. E este amigo escritor cuxa presenza e obra hoxe celebramos -dixo Miranda en referencia a Losa- é, sen dúbida ningunha, o mellor expoñente do que digo”.

Miranda concluíu a súa intervención afirmando que “os galegos do territorio deberiamos ter máis presente o feito de que 1 de cada 5 galegos reside no Exterior. Sen o traballo de referentes coma Manuel Losa, Galicia estaría coxa, polo menos, nesa quinta parte, seriamos catro provincias e esqueceriamos esoutra tan especial, distinta e querida, esa mítica ‘quinta provincia’ que conforma a nosa diáspora. Así que remato dicíndoo ben alto: a Galicia do Exterior segue formando parte ineludible da nosa historia, do noso carácter, da nosa cultura e idiosincrasia, do noso futuro. E o retrato desa Galicia que Losa fai nos seus libros é un privilexio, un agasallo, un tesouro”.

866 lecturas