Miranda enxalza a figura de José Solla como exemplo da contribución da emigración galega á cultura universal

O secretario xeral da Emigración estudou co pintor pontevedrés varias propostas para acompañar a exposición das dúas obras que se levará a cabo o vindeiro ano na cidade arxentina de Mar del Plata.

O obxectivo desta mostra é establecer un fío condutor para potenciar a promoción exterior de Galicia, especialmente de cara ao vindeiro Ano Xacobeo de 2021. 

José Solla (segundo pola esquerda) e Antonio Rodríguez Miranda (cuarto), durante a reunión celebrada no despacho do secretario xeral da Emigración en Santiago de Compostela
José Solla (segundo pola esquerda) e Antonio Rodríguez Miranda (cuarto), durante a reunión celebrada no despacho do secretario xeral da Emigración en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, enxalzou a obra de José Solla como unha das mostras máis evidentes que existen hoxe en día da achega que a emigración galega deixou, e segue a deixar, na cultura universal. A pegada, non só social e empresarial, dúas das máis recoñecidas historicamente, senón tamén artística das galegas e os galegos residentes no exterior supón un activo que o Goberno galego debe preservar e fomentar, tal como adiantou o responsable autonómico ao pintor de orixe galega.

De aí que a Secretaría Xeral da Emigración estea a organizar unha exposición das obras do pintor marinense o vindeiro ano nun dos espazos máis modernos e relevantes da cidade arxentina de Mar del Plata, lugar de residencia actual de Solla, o seu Museo MAR. Alí, o público poderá gozar das obras deste artista da provincia de Pontevedra, que segundo el mesmo confesa, “deixan constancia da súa particularidade a través dunha linguaxe definida, cuxo son fala de Galicia, da galeguidade, da poesía, esa que nace da sorpresa e a intensidade, a fraxilidade e a fondura, a sensualidade e a mística”.

Pero a idea do Goberno galego é ir máis aló, e aproveitar esta mostra para establecer un fío condutor que permita potenciar a proxección exterior de Galicia en todas as súas facetas. A vindeira celebración do Ano Xacobeo en 2021 ofrece unha oportunidade única para promocionar a cultura galega fóra da Galicia territorial e, ao tempo, poñer en valor algúns dos seus máximos expoñentes, como é o caso de José Solla. 

Máis preto de Galicia
Natural de Castro, en Marín, onde nace en 1927, reside desde 1950 en Mar del Plata, na Arxentina, malia que “de España nunca se separou por completo”, asegura. As súas frecuentes viaxes, exposicións e un cambio fundamental na súa pintura a partir da década dos setenta, vincúlano por completo coas súas raíces, engade o pintor, que apunta que o seu lazo con Galicia segue a ser tan forte que ultimamente traballa e vive unha boa parte do ano na súa terra de orixe. 

324 lecturas