Miranda encomia a aportación das e dos emigrantes aos seus países de destino durante a homenaxe ao himno galego celebrado pola Enxebre Orde da Vieira en La Habana

O secretario xeral da Emigración puxo o antigo palacio do Centro Gallego, escenario do acto, como exemplo do bo facer dos galegos e as galegas que chegaron a Cuba. 

O cargo autonómico participou nos actos de conmemoración do 110 aniversario dun dos emblemas de Galicia. 

  • O secretario xeral da Emigración (no centro da imaxe) fixo entrega do 'Premio da Galeguidade', outorgado pola Enxebre Orde da Vieira, ao presidente da Federación de Sociedades Gallegas en Cuba, Sergio Toledo
    O secretario xeral da Emigración (no centro da imaxe) fixo entrega do 'Premio da Galeguidade', outorgado pola Enxebre Orde da Vieira, ao presidente da Federación de Sociedades Gallegas en Cuba, Sergio Toledo
  • A Enxebre Orde da Vieira celebrou o seu Capítulo extraordinario no antigo Palacio do Centro Gallego de La Habana, hoxe sede do Gran Teatro da capital cubana
    A Enxebre Orde da Vieira celebrou o seu Capítulo extraordinario no antigo Palacio do Centro Gallego de La Habana, hoxe sede do Gran Teatro da capital cubana
  • A Enxebre Orde da Vieira celebrou o seu Capítulo extraordinario no antigo Palacio do Centro Gallego de La Habana, hoxe sede do Gran Teatro da capital cubana
    A Enxebre Orde da Vieira celebrou o seu Capítulo extraordinario no antigo Palacio do Centro Gallego de La Habana, hoxe sede do Gran Teatro da capital cubana
  • A Enxebre Orde da Vieira celebrou o seu Capítulo extraordinario no antigo Palacio do Centro Gallego de La Habana, hoxe sede do Gran Teatro da capital cubana
    A Enxebre Orde da Vieira celebrou o seu Capítulo extraordinario no antigo Palacio do Centro Gallego de La Habana, hoxe sede do Gran Teatro da capital cubana
Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, encomiou onte á tarde o inmenso esforzo e a inestimable aportación que fixeron as galegas e os galegos pola mellora dos seus países de destino. Fíxoo no marco da celebración do capítulo extraordinario da Enxebre Orde da Vieira que tivo como escenario o simbólico antigo pazo do Centro Gallego, hoxe sede do Gran Teatro de La Habana. O lugar elixido para o evento está intimamente relacionado co motivo da celebración, o 110 aniversario do himno galego, xa que foi na capital cubana onde se compuxo e desde onde se difundiu e deu a coñecer ao resto do mundo. 

O responsable autonómico aproveitou a ocasión “para lembrar un exemplo deses galegos que non viñeron só para facer grande a súa terra, senón que trataron de aportar o mellor de si mesmos ao seu novo fogar. O antigo Centro Gallego, que agora alberga o Gran Teatro de La Habana, é unha mostra de como os galegos chegaron a Cuba co firme propósito de intentar mellorar as condicións de vida da xente que vivía aquí”. “Os herdeiros históricos dese conxunto de persoas”, engadiu Rodríguez Miranda, “perviven hoxe, e é a nosa federación de asociacións galegas, a que consigue que o legado cultural e educativo siga vivo no país. Grazas a esa federación os galegos poden seguir comprometidos e axudando aos seus compatriotas, colaborando man a man cos cubanos galegos. Por iso quero amosar o meu agradecemento a este capítulo extraordinario por seguir afianzando estes vínculos fraternais”.   

Tributo a José Castro, “Chané”
O acto tamén, ao que asistiron o embaixador e o cónsul de España en Cuba, Juan José Buitrago de Benito e Carlos Pérez Desoy, respectivamente, así como autoridades do Ministerio de Xustiza de Cuba e da Oficina do Historiador da Habana, serviu para render tributo a José Castro, “Chané”, compositor dunha peza con letra de Curros Enríquez chamada a ser o himno galego, no centenario do seu pasamento. Finalmente foi o tema composto polo músico Pascual Veiga e o escritor Eduardo Pondal o encargado de transmitir o sentimento de Galicia por todo o mundo, pero o nome do que fora director do Orfeón Coruñés quedou intimamente ligado para sempre ao son que leva o espírito de Breogán a todos os galegos e galegas. Foi, ademais, precisamente, na capital cubana onde que se estreou o himno e desde onde se difundiu ao resto do continente e mesmo a Galicia. De aí que ambas homenaxes, ao himno e ao músico galego, se fusionasen na interpretación que a gaiteira e musicóloga de Aguiño Estíbaliz Santamaría realizou no acto da Enxebre Orde da Vieira. 

Encontros con galegas e galegos residentes na illa
O secretario xeral da Emigración continuará o seu percorrido nos vindeiros días en Santiago de Cuba e Pinar del Río. E reservará o último día da súa viaxe para reunirse, xunto ao embaixador español en Cuba, coas e cos presidentes das sociedades galegas na illa centroamericana e co máximo responsable da Federación de Sociedades Gallegas na República de Cuba, Sergio Toledo.

A situación dos galegos e as galegas residentes en Cuba é desde hai anos unha das máximas prioridades da Secretaría Xeral da Emigración, que destinou en 2017 a esta poboación, que supera as 40.000 persoas, preto de 1,4 millóns de euros só en axudas individuais. Estas subvencións lograron mellorar a calidade de vida dun total de 7.012 familias de galegas e galegos en Cuba, que viron complementadas as súas necesidades máis urxentes. A aposta do departamento autonómico para os vindeiros exercicios pasa por seguir dando resposta ás demandas máis básicas da poboación galega que vive no país centroamericano.  

260 lecturas