Miranda e Serrano comparten un tramo do Camiño de Santiago cos rapaces e rapazas de oito países de América participantes no programa ‘Conecta con Galicia’

Trátase dunha iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración pola que 179 mozas e mozos reforzan os vínculos coa terra de orixe dos seus proxenitores e coñecen a realidade e actualidade galegas, converténdose en caixa de resonancia para a promoción de Galicia nos lugares onde residen. 

A iniciativa desenvólvese en dúas modalidades en función da idade, unha de actividades ao aire libre e outra en campos de traballo. 

  • O secretario xeral da Emigración e mailo alcalde de Portomarín acompañaron nun tramo do Camiño de Santiago ás mozas e mozos do 'Conecta con Galicia 2016'
    O secretario xeral da Emigración e mailo alcalde de Portomarín acompañaron nun tramo do Camiño de Santiago ás mozas e mozos do 'Conecta con Galicia 2016'
  • O secretario xeral da Emigración e mailo alcalde de Portomarín acompañaron nun tramo do Camiño de Santiago ás mozas e mozos do 'Conecta con Galicia 2016'
    O secretario xeral da Emigración e mailo alcalde de Portomarín acompañaron nun tramo do Camiño de Santiago ás mozas e mozos do 'Conecta con Galicia 2016'
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2016.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e mailo alcalde de Portomarín, Juan Carlos Serrano López, acompañaron esta mañá durante un tramo do Camiño de Santiago a un dos grupos de rapaces e rapazas que participan este ano no programa ‘Conecta con Galicia’, que promove a Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, da Consellería de Política Social.

A iniciativa pretende que a mocidade da diáspora, na súa maioría fillas e fillos e netos e netas de persoas galegas emigradas, teña oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega, e atoparse coas e coas súas familias da outra beira do Atlántico no marco da Campaña de Verán da citada Consellería. O programa ten como obxectivo fortalecer esas ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra das e dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. Para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial. 

Así, o programa permite este ano que 179 descendentes de cidadás e cidadáns galegos poidan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana cos seus coetáneos e coetáneas desta parte do océano, pois a estadía realízase conxuntamente cun colectivo de rapaces e rapazas residentes na Galicia territorial.

Actividades de aire libre
‘Conecta con Galicia’ desenvolvese en dúas modalidades. A primeira delas son actividades de aire libre, modalidade da que se beneficiarán 160 mozos e mozas galegos residentes fóra de Galicia, distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos. Compartirán con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días, do 1 ao 12 de xullo e do 15 ao 26 de xullo, as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude.

Nestas instalacións  realizarán dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, as e os participantes alóxanse na residencia xuvenil Lug II de Lugo, e Florentino López Cuevillas de Ourense, onde participarán en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorren o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela, acción que compartiron hoxe Miranda e Serrano con eles.

O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvólvese baixo o paraugas do epígrafe “O mar de Galicia” no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizan actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño. Precisamente, tras achegarse ata Portomarín, o secretario xeral da Emigración foi ata Gandarío para saudar a estoutro grupo.

Campos de traballo
A segunda modalidade son os campos de traballo, da que se benefician 19 mozas e mozos da diáspora, que durante a súa estadía conviven tamén con compañeiras e compañeiros residentes na Comunidade Autónoma. É unha modalidade concibida para participantes con idade comprendidas entre os 20 e 30 anos, na que desenvolven actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da cultura galega, da mellora ambiental da contorna, e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico.

É precisamente no campo de traballo de Castromaior, tamén en Portomarín, onde teñen realizado en anos anteriores -e tamén o farán durante este mes de agosto de 2016- os labores de coñecemento e mellora do patrimonio, neste caso arqueolóxico, nun dos enclaves en recuperación máis interesanrtes que ofrece a conrtona do Camiño Francés.

Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, os mozos e mozas seleccionados, tanto nunha modalidade como na outra, asistiron a sesións informativas nos seus países de orixe, especificamente encamiñadas ao coñecemento da realidade galega en xeral e das actividades a desenvolver no programa en particular. Tamén se lles informou das súas obrigas respecto do cumprimento do réxime interno das residencias ou albergues en que serán  aloxados. 

Por países
Na edición deste ano 2016, un total de 79 participantes no programa proceden da Arxentina (71 para actividades ao aire libre, e 8 para campos de traballo), 45 do Uruguai (42 e 3), 22 de Venezuela (20 e 2), 16 de Brasil (13 e 3), 8 de Cuba (6 e 2), 8 para actividades de aire libre do resto de América (4 de Perú, 2 de México, 1 de Estados Unidos e 1 de Chile) e 1 para campos de traballo (procedente doutra Comunidade Autónoma española).

Campaña de Verán
Conecta con Galicia enmárcanse dentro da Campaña de Verán 2016 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado cun orzamento de 2,6 millóns de euros. Esta campaña é a máis inclusiva e importante dos últimos anos no que se refire a número de prazas ofertadas, xa que son en total 9.046, un 6% máis que o ano pasado. 

A campaña de verán inclúe albergues, campamentos, campos de traballo e actividades de ocio e tempo libre para a mocidade. Cómpre destacar que outro dos aspectos positivos da campaña está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia darán traballo a máis de 900 persoas como monitoras e directoras de campamentos. 

1081 lecturas