Miranda e Maneiro participan no ‘XXXI Día de Galicia en Euskadi’, que amosa a actualidade e calidade galegas en pleno centro de Bilbao

O secretario xeral da Emigración presenta a Irmandade de Centros Galegos en Euskadi, organizadora do evento, como exemplar polo seu traballo na unidade, e polo seu nivel de integración da muller e mocidade.

A presenza da Xunta na celebración anual máis importante da comunidade galega no País Vasco refórzase a través da área expositiva ‘Galicia, Pórtico Universal’.

  • Miranda e Maneiro participan no ‘XXXI Día de Galicia en Euskadi’, que amosa a actualidade e calidade galegas en pleno centro de Bilbao
    Miranda e Maneiro participan no ‘XXXI Día de Galicia en Euskadi’, que amosa a actualidade e calidade galegas en pleno centro de Bilbao
  • Miranda e Maneiro participan no ‘XXXI Día de Galicia en Euskadi’, que amosa a actualidade e calidade galegas en pleno centro de Bilbao
    Miranda e Maneiro participan no ‘XXXI Día de Galicia en Euskadi’, que amosa a actualidade e calidade galegas en pleno centro de Bilbao
  • A presenza da Xunta na celebración anual máis importante da comunidade galega no País Vasco refórzase a través da área expositiva ‘Galicia, Pórtico Universal’
    A presenza da Xunta na celebración anual máis importante da comunidade galega no País Vasco refórzase a través da área expositiva ‘Galicia, Pórtico Universal’
  • A presenza da Xunta na celebración anual máis importante da comunidade galega no País Vasco refórzase a través da área expositiva ‘Galicia, Pórtico Universal’
    A presenza da Xunta na celebración anual máis importante da comunidade galega no País Vasco refórzase a través da área expositiva ‘Galicia, Pórtico Universal’
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2016.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, Juan Carlos Maneiro, así como o primeiro tenente de alcalde de Bilbao, Ricardo Barkala, presidiron a trixésimo primeira edición do ‘Día de Galicia en Euskadi’, que organiza a Irmandade de Centros Galegos nesa Comunidade Autónoma.

Nas distintas actividades estiveron asemade presentes o subdelegado do Goberno en Biscaia, Ignacio Erice, o director do Gabinete da Consellería de Educación, Política Lingüística e Cultura do Goberno Vasco, José Manuel Bujanda, e varios concelleiros da corporación municipal bilbaína, ademais da presidenta da Irmandade, Pilar Rodríguez.

Tralo xa tradicional aurresku de honra, foron ademais galardoados coa ‘anduriña de ouro’ (máxima distinción da Irmandade) o músico galego afincado en Euskadi José Rodríguez Seijas, e na súa categoría de prata a antropóloga vasca de orixe galega, doutora pola Universidade do País Vasco, Rosa García Orellán, e correu o pregón festivo a cargo do gaiteiro Bruno Villamor. A xornada festiva continuou cun xantar de confraternidade, tralo que tivo lugar un festival folclórico coa participación de grupos dos distintos centros galegos presentes no País Vasco.

Na súa alocución ás e aos presentes, Rodríguez Miranda salientou que “esta celebración, que cumpre xa trinta e unha edicións, podemos desfrutala grazas á unidade dos galegos do País Vasco. Sodes exemplo de unión, e de integración de culturas, expoñente vivo da pluralidade de orixes, de falas, de costumes, que é o que fai grande Euskadi e toda España”. O secretario xeral da Emigración lembrou asemade que “os paisanos en Euskadi tendes demostrado que entrades neste século XXI con paso firme: con unidade, e dando o papel que merecen á muller e á mocidade. Unha mocidade (sete de cada dez galegos no Exterior sono de segunda xeración) que é a Galicia do futuro, resida onde resida”.

Pórtico Universal
O ‘Día de Galicia en Euskadi’ é a gran celebración da colectividade galega no País Vasco, e nesta ocasión o consistorio bilbaíno cedeu boa parte do paseo peonil arredor do Teatro Arriaga, epicentro da cidade, para a instalación das diversas actividades que se levan desenvolvendo desde o pasado venres, e das que son protagonistas a cultura e gastronomía galegas.

A Xunta participa no evento anual máis destacado da comunidade galega en Euskadi a través da área expositiva ‘Galicia, Pórtico Universal’: como sempre que se instala nunha cidade, faino por propia iniciativa das comunidades galegas da zona. O paso pola capital biscaíña coincide ademais Noite en Branco, na que abren os museos e boa parte das instalacións culturais e tamén comerciais.

‘Galicia, Pórtico Universal’ é unha liña de actuación posta en marcha en 2013 e que quere dar a coñecer a Comunidade Autónoma galega aos cidadáns e cidadás doutras Comunidades e países, xerando actividades de interese, participativas e lúdicas para a poboación das zonas nas que se asentan as comunidades galegas. A iniciativa pretende cristalizar o afán de colaboración dos galegos e galegas de fóra do territorio para a promoción e difusión da terra de orixe.

A idea de ‘Galicia, Pórtico Universal’ parte da Secretaría Xeral de Emigración, en colaboración coa Consellería do Medio Rural, a Consellería do Mar, a Axencia Turismo de Galicia, e a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. A área “supón un magnífico expoñente de coordinación entre distintos departamentos dunha mesma Administración, e tamén entre varias administracións, mediante o cal se coopera e multiplícase o efecto, optimizando así os recursos", segundo destaca Rodríguez Miranda.

Trátase dunha infraestrutura sinxela e moi versátil que inclúe unha exposición de artesanía galega, unha mostra de produtos alimentarios galegos non perecedoiros con denominación de orixe ou marca de calidade, unha demostración en vivo dalgunha actividade artesá galega, área de información de turismo, e unha aula profesional de catas. Ademais, incide no principal referente turístico e de proxección exterior de Galicia como é o Camiño de Santiago, un dos leit motiv da área.

A ‘Irmandade’
A Irmandade de Centros Galegos en Euskadi creouse coa finalidade de promover e establecer nexos de unión e vínculos de cooperación e solidariedade entre as sociedades galegas afincadas en Euskadi, así como promover o coñecemento da lingua, cultura, historia, xeografía, folclore, gastronomía, e costumes de Galicia.

Segundo os datos do Padrón Continuo do INE a 1 de xaneiro de 2016, nas tres provincias vascas residen 43.556 galegas e galegos nados en Galicia, representados en boa parte polas dez asociacións que conforman a Irmandade: o Centro Galego de Bizkaia en Barakaldo, a Casa de Galicia en Bilbao, a Casa Cultural de Galicia ‘As Burgas’ de Eibar, o Centro Galego de Ermua, o Centro Galego de Llodio, a Casa de Galicia de Ondarroa, a Casa de Galicia en Guipúscoa (de San Sebastián), a Casa de Galicia en Santurce, a Agrupación ‘Hijos de Galicia’ de Sestao, e o Centro Galego de Álava (en Vitoria).

A Irmandade encárgase de organizar diversas actividades comúns a tódalas asociacións, como concursos de poesía en galego ou de fotografía, ademais do ‘Día de Galicia en Euskadi’. Fai rotar esta celebración entre as distintas localidades na que se radican as entidades galegas e ten unha importante repercusión social, cultural e mesmo política, pois a esa efeméride acoden representación de tódalas institucións vascas, sendo habitual en varias edicións a presenza do propio lehendakari, mostra da relevancia da colectividade galega na Comunidade Autónoma vasca.

Asemade, a importancia social da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi fixo posible que ‘Galicia, Pórtico Universal’ estivera precisamente presente no Día de Galicia en Euskadi, na primeira ocasión en Santurce, na segunda en Vitoria, e agora de novo en Bilbao. En tódolos casos, con amplo seguimento por parte da propia colectividade galega, pero tamén cunha importante repercusión entre a veciñanza local e as e os visitantes.

1639 lecturas