Miranda e Amparo González reciben no Museo do Pobo Galego ás e aos participantes no programa ‘Reencontros na Terra 2014’

O secretario xeral da Emigración gabou o traballo realizado pola diáspora e afirmou que “a Galicia actual e moderna que estades a coñecer é consecuencia, en gran parte, dos esforzos realizados polas persoas que un día emigrastes”.

134 maiores retornan temporalmente á Galicia territorial grazas a este programa.

A primeira quincena benefícianse dunha estadía na Residencia do Carballiño, e despois poden quedar coas súas familias ata un tempo máximo de tres meses.

  • A recepción institucional tivo lugar no Museo do Pobo Galego (en Santiago de Compostela)
    A recepción institucional tivo lugar no Museo do Pobo Galego (en Santiago de Compostela)
  • De esquerda a dereita: Amparo Gonzaléz, Candelaria Pérez Pereira (a persoa de máis idade das participantes, presidindo a clausura do acto), Rodríguez Miranda (de pé), e Julio Pinilla (o participante que falou en nome dos 134 da edición deste ano)
    De esquerda a dereita: Amparo Gonzaléz, Candelaria Pérez Pereira (a persoa de máis idade das participantes, presidindo a clausura do acto), Rodríguez Miranda (de pé), e Julio Pinilla (o participante que falou en nome dos 134 da edición deste ano)
  • A recepción institucional tivo lugar no Museo do Pobo Galego (en Santiago de Compostela)
    A recepción institucional tivo lugar no Museo do Pobo Galego (en Santiago de Compostela)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e maila directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González Méndez, presidiron no Museo do Pobo Galego a recepción oficial ás e aos 134 participantes na edición deste ano do programa ‘Reencontros na Terra’.

No acto estiveron presentes asemade o secretario do propio Museo, Manuel Vilar, e o subdirector xeral da Emigración e das Comunidades Galegas, Ramón Brigos, e tamén falou Julio Pinilla, un dos participantes en representación do grupo que se acolle a esta edición.

“Reencontros na Terra” ten por finalidade favorecer o achegamento á súa terra e ás súas familias das e dos emigrantes galegos de máis de 65 anos de idade. Participan nesta edición un total de 134 persoas, este ano procedentes de cinco países latinoamericanos: Arxentina, Uruguai, Venezuela, Brasil, e Cuba.

Miranda transmitiulles o recoñecemento e agarimo de toda a sociedade galega ao traballo e esforzo realizado polas galegas e galegos do Exterior ao longo das últimas décadas: “Esta Galicia actual e moderna que estades a coñecer é consecuencia, en gran parte, dos esforzos realizados por todas e todos, polos que quedaron pero tamén polos que un día emigrastes e plantastes a semente da Galicia universal”, asegurou o secretario xeral.

75 anos de media
Aínda que tódalas e tódolos participantes son maiores de 65 anos, condición sine qua non para beneficiarse do programa, a idade media supera amplamente esta cifra, xa que se aproxima aos 75 anos. As catro de maior idade son todos procedentes de Arxentina, destacando unha persoa que conta con 89 anos.

Os grupos máis numerosos son os procedentes de Arxentina (80 persoas) e Uruguai (36 persoas). O resto das persoas participantes son 11 de Brasil, 4 de Venezuela e 3 de Cuba. Preto do 32% das persoas participantes naceron na provincia de Pontevedra, o 31% na da Coruña, o 21% na de Ourense e o 16% restante na provincia de Lugo.

A finalidade desta iniciativa da Xunta é que as e os participantes redescubran as súas raíces, tanto de tipo cultural, social, gastronómico, ou folclórico, como sobre todo familiar, poñéndose en contacto coa realidade do seu país de orixe e propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias, e o intercambio de experiencias co resto das e dos participantes. As solicitudes foron avaliadas seguindo os criterios de percepción da pensión asistencial por ancianidade do Estado español, e a idade da persoa solicitante, segundo o baremo descrito na correspondente convocatoria publicada no DOG.

Dúas fases
O programa desenvólvese ao longo de tres meses, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas consiste nunha estadía de dúas semanas, na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, en réxime de pensión completa, desenvolvendo actividades recreativas e culturais axeitadas ás persoas participantes, e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día. Inclúe unha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental, e recepción institucional. Tamén realizarán diversas visitas a outras vilas galegas.

Canto á segunda fase, esta consiste nunha estadía coas e cos seus familiares de Galicia, cos que poden estar ata completar un tempo máximo de tres meses. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitos dos beneficiarios e beneficiarias unha oportunidade única de atopar as súas raíces máis senlleiras e persoais, e redescubrir as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

1286 lecturas