Miranda destaca o papel das e dos emigrantes na construción da Galicia moderna, e o dos galegos e galegas no exterior para o despegue económico

Miranda destacou que, fronte a perda demográfica que supuxo historicamente para Galicia a emigración, as segundas xeracións de galegas e galegos nados no estranxeiro son arestora un activo fundamental para a proxección internacional do país, e para a propia recuperación demográfica.

O secretario xeral da Emigración pronunciou a conferencia central dos actos de “Imposición de Becas Colexiais” do Colexio Maior Rodríguez Cadarso, que contaron tamén coa presencia do reitor Juan Viaño.

O Colexio onde pronunciou a conferencia foi construído fundamentalmente grazas ás achegas de emigrantes, razón pola que o alto cargo autonómico recibiu simbolicamente a “beca de honra”.

  • O secretario xeral gabou o papel das e dos emigrantes como motor para a Galicia moderna
    O secretario xeral gabou o papel das e dos emigrantes como motor para a Galicia moderna
  • O secretario xeral gabou o papel das e dos emigrantes como motor para a Galicia moderna
    O secretario xeral gabou o papel das e dos emigrantes como motor para a Galicia moderna
  • O secretario xeral gabou o papel das e dos emigrantes como motor para a Galicia moderna
    O secretario xeral gabou o papel das e dos emigrantes como motor para a Galicia moderna
  • O secretario xeral gabou o papel das e dos emigrantes como motor para a Galicia moderna
    O secretario xeral gabou o papel das e dos emigrantes como motor para a Galicia moderna
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Viaño; a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; e o director do Colexio Maior Rodríguez Cadarso, Luis Velasco; así como outras e outros membros docentes da USC e decenas de estudantes, participaron nos actos académicos de “Imposición de Becas Colexiais” do Colexio Maior Rodríguez Cadarso.

Na súa intervención ante as e os presentes, Velasco glosou a importancia das achegas dos emigrantes galegos e galegas, especialmente as e os residentes a ambas beiras do Río da Prata, que supuxeron en torno ao 60% dos cartos necesarios para a construción do edificio. Precisamente, ese foi o motivo polo que esa institución decidiu impoñerlle a “beca de honra” á emigración galega, recoñecemento que recibiu simbolicamente o secretario xeral da Emigración.

Antes, foron galardoados catro estudantes con “insignias colexiais” (alumnado residente no centro que remata dous anos universitarios), outros dez coas “becas colexiais” (aqueles que rematan tres anos), e tres mozas con “plumas colexiais” (rematan catro anos). Falou representando ao alumnado da promoción deste curso o estudante Darío Miranda Pastoriza, e na clausura dos actos participaron asemade Álvarez e Viaño.

Ensino polos e polas emigrantes
O acto central do evento foi a conferencia de Rodríguez Miranda, na que glosou o papel das e dos emigrantes como motor e “impulso fundamental” para a construción da Galicia moderna, e moi nomeadamente no campo do ensino. Así, lembrou a figura de Gumersindo Busto -promotor da Biblioteca América, egrexio espazo na sede do Reitorado compostelán- ou a relevancia histórica das ‘escolas de indianos’, primeiro acceso de rapaces e rapazas do rural galego ao ensino regrado e que foron sufragadas polos emigrantes.

“Ademais, as achegas do outro lado do Océano permitiron infindas novidades técnicas, aparellos, e investimentos no campo, na industria, nas comunicacións. Galicia non sería o que é, e o que será, sen o pulo e o decidido apoio dos que se foron. A eles debémoslles, en boa parte, o que somos”, afirmou Miranda.

En contraste con aquela época -hai un século-, nos tempos actuais Galicia é terra de acollida: o secretario xeral lembrou que o número de galegas e galegos nados en Galicia residentes no estranxeiro baixa ano a ano, pero non así a cifra global de cidadás e cidadáns galegos no Exterior. Paradoxo que se debe a que pasan a engrosar o padrón “os que xa estaban alí: é dicir, os fillos e netos de galegos, algúns recén nados, os máis porque adquiriron a nacionalidade por efecto da denominada Lei de Memoria Histórica”, lembrou o secretario xeral.

Dixo tamén Miranda que “Galicia, hoxe, está en disposición obxectiva de devolver parte do que aqueles pioneiros e pioneiras da Emigración fixeron por nós. Fixeron cousas ben grandes e exemplares: o sistema mutual sanitario de moitos países latinoamericanos é fillo directo dos pioneiros galegos, segue habendo institucións educativas directamente vinculadas con Galicia, séguese ensinando galego e cultura galega en centos de lugares de todo o mundo, e varios equipos de fútbol e outras disciplinas deportivas, nados no seo das comunidades galegas, son referentes de primeira división en cadanseu país. Por citar só algúns exemplos de pegada non só histórica, senón de realidade actual, da Galicia universal”.

Oportunidade de futuro
Respecto desas segundas xeracións nadas xa na diáspora, o responsable autonómico en materia de Emigración lembrou que son un activo fundamental para o presente e o futuro do noso país, por canto o seu forte vencello coa terra de orixe é panca fundamental de apoio para a proxección internacional de Galicia e o seu despegue económico.

“Hoxe, moitos fillos e netos daqueles galegos, malia ter nado e crecido xa na diáspora e estar plenamente integrados nos países de recepción, deciden manter a súa nacionalidade española e vinculación co concello galego de orixe paterno ou materno. E iso débese ao cariño pola terra que as e os galegos do Exterior transmiten ás segundas xeracións. É algo único, un valor, un activo que ten Galicia, e que nos converte nun país absolutamente privilexiado nesta materia”, afirmou Miranda.

1922 lecturas