Miranda desprázase ata o interior da Arxentina para visitar aos galegos e galegas de Rosario e de Santa Fe

O secretario xeral da Emigración salientou a importancia que a intensa actividade que realizan as entidades que están afastadas das grandes urbes ten na difusión da cultura galega fóra da comunidade.

O responsable autonómico aproveitou a súa presenza na provincia de Santa Fe para manter un encontro cos e coas representantes do novo centro galego en Rafaela.

  • O secretario xeral da Emigración, durante a súa visita ao Centro Gallego de Rosario, entidade fundada en 1915
    O secretario xeral da Emigración, durante a súa visita ao Centro Gallego de Rosario, entidade fundada en 1915
  • O secretario xeral da Emigración, durante a súa visita ao Centro Gallego de Rosario, entidade fundada en 1915
    O secretario xeral da Emigración, durante a súa visita ao Centro Gallego de Rosario, entidade fundada en 1915
  • Miranda, con membros da directiva e subcomisións do Centro Gallego de Santa Fe, que celebrará en 2019 o seu centenario
    Miranda, con membros da directiva e subcomisións do Centro Gallego de Santa Fe, que celebrará en 2019 o seu centenario
  • Miranda, cos e coas representantes do novo centro galego da tamén santafesina localidade de Santa Fe, en vías de constitución
    Miranda, cos e coas representantes do novo centro galego da tamén santafesina localidade de Santa Fe, en vías de constitución
Listen to this page using ReadSpeaker
Santa Fe (A Arxentina), 10 de setembro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, desprazouse ao interior da Arxentina para visitar dous dos centros máis activos a nivel cultural fóra do ámbito xeográfico da capital, Bos Aires. A importancia que a intensa actividade destas entidades teñen para a difusión da cultura e a tradición galegas levou ao titular do departamento do Goberno galego a viaxar ata dúas das localidades con maior tradición musical, entre outras, da rexión central do país arxentino.

O responsable autonómico viaxou ata o Centro Gallego de Rosario, a cuxas e cuxos representantes fixo entrega de instrumentos musicais que lles permitan continuar coa actividade que levan a cabo a través das diferentes agrupacións que acubillan. A gaita, os pandeiros e as pandeiretas coas que se dotou á entidade garantirán a continuidade do grupo de canto e percusión Alumea, o de gaita tradicional galega Leira do Son, que está a celebrar dúas décadas de vida, e os de baile tradicional galego, así como a do coro. 

Miranda agradeceu tanto ao presidente do Centro Gallego de Rosario, Guillermo Picallo Durán, como ao resto da directiva, o importante labor de promoción e conservación da cultura galega que están a levar a cabo a través destas formacións musicais e doutras actividades de variada temática. Na actualidade, a principal entidade galega desta cidade arxentina conta con 290 persoas asociadas, dos que 167 son galegas. Do total 150 son homes, e 140, mulleres.

Xuntanza cos galegos e as galegas da capital da provincia
Previamente, o secretario xeral da Emigración, acompañado polo delegado do Goberno na Arxentina, Alejandro López Dobarro, viaxaron ata a capital da Provincia de Santa Fe para manter unha xuntanza cos socios e socias e os e as representantes da entidade que dirixe Manuel López. Miranda quixo achegarse deste xeito ás e aos galegos residentes no país andino que se atopan fóra do ámbito xeográfico urbano do gran Bos Aires.

O obxectivo do centro Gallego de Santa Fe, que cumpre 63 anos de vida, é servir de vínculo especialmente entre cidadás e cidadáns galegos e arxentinos, como demostra a súa amplitude de tecido asociativo da entidade, constituído por 210 persoas, das que 160 son galegas e o resto, do país andino. A entidade comezará, ademais, en outubro a organización dos actos do seu centenario, que terá lugar o ano vindeiro.

Tamén inmersas e inmersos nunha intensa actividade organizativa están as e os representantes do novo centro galego de Rafaela, cidade situada a poucos quilómetros da capital da provincia. Con elas e eles celebrou o responsable autonómico unha xuntanza aproveitando a súa estancia en Santa Fe para animalos na súa empresa e ofrecerlles o asesoramento necesario para levala a cabo. 

1124 lecturas