Miranda comproba a fortaleza e relevancia social das comunidades galegas en Nova York e a súa contorna

O secretario xeral mantivo un encontro co presidente da Casa de Galicia de Nova York, que é membro da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas

  • Miranda comproba a fortaleza e relevancia social das comunidades galegas en Nova York e a súa contorna
    Miranda comproba a fortaleza e relevancia social das comunidades galegas en Nova York e a súa contorna
  • Miranda comproba a fortaleza e relevancia social das comunidades galegas en Nova York e a súa contorna
    Miranda comproba a fortaleza e relevancia social das comunidades galegas en Nova York e a súa contorna
Santiago, 7 de xullo de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda,  mantivo cadanseu encontro cos presidentes da Casa de Galicia de Nova York, José Enrique Lago, e do Club España de Newark, o galego Juan Pablo Álvarez Vilachá.

Lago trasladou ao máximo responsable autonómico en materia de Emigración a boa marcha da comunidade que preside, sustentada no aspecto social na crecente implicación das xeracións máis novas en todo tipo de actividades sociais e culturais, e no eido económico na fortaleza contable derivada do alugueiro do que fora a primeira sede da entidade -que tamén coñeceu Miranda- e que se atopa nunha das zonas máis céntricas da cidade.

A oficialmente denominada ‘Unidade Galega dos Estados Unidos de América - Casa de Galicia’ é un punto de encontro moi habitual da comunidade de paisanos residentes na cidade máis poboada dos Estados Unidos. Fundada en 1940, conta con máis dun millar de socios, a maioría dos cales son galegos de primeira ou segunda xeración, e é unha das comunidades presentes, por elección, na Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas, pola demarcación de América.

 

Newark

Pola súa banda, Vilachá explicou algunhas das actividades que está a desenvolver a entidade que preside, o Club España de Newark, que malia o seu nome agrupa a  persoas da diáspora procedentes de toda Galicia e que arestora residen no estado de New Jersey (que, malia estar na outra beira do Hudson, conforma a megalópole neoiorquina).

Fundado en 1964 -ven de cumprir por tanto medio século de existencia-, posúe unha sede  construída hai máis dun século, que conta con dous andares con, ademais de servizos de hostalaría, diversas instalacións para actividades sociais, culturais, e mesmo deportivas.

Miranda e Vilachá asistiron ao ‘Galician Cinema & Food Festival’, no que colaboraba a Xunta de Galicia e celebrado no Instituto Cervantes na súa sede de Manhattan, que supuxo un importante pulo á proxección cultural e turística da nosa terra na Gran Mazá, e permitiu amosar a Galicia actual e moderna aos produtores e profesionais dos Estados Unidos.

 

Galegos en Estados Unidos

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2017, residen arestora nos Estados Unidos de América un total de 19.450 galegas e galegos, a metade procedentes da provincia da Coruña; dese conxunto da colectividade galega, un 60% (11.394) naceron xa na diáspora.

2082 lecturas