Miranda asiste á entrega do IX Premio ‘Victoriano Reinoso’, que organiza AEGAMA, a Elvira Rodríguez

Permanente defensora de Galicia, a galardoada foi a primeira muller interventora do Estado, e tamén a primeira á que se lle outorga esta distinción.

Elvira Rodriguez (terceira pola dereita) durante o acto de entrega do premio 'Victoriano Reinoso'
Elvira Rodriguez (terceira pola dereita) durante o acto de entrega do premio 'Victoriano Reinoso'
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou na entrega do IX Premio Victoriano Reinoso, que organiza AEGAMA (Asociación de Empresarios Galegos en Madrid), e que na edición deste ano recaeu na actual presidenta da Comisión Nacional do Mercado de Valores, e exministra de Medio Ambiente, Elvira Rodríguez Herrer.

Elvira Rodríguez, de pai galego e vinculada sempre á defensa dos intereses de Galicia en toda a súa actividade profesional, agradeceu o premio por canto procede do ámbito empresarial, malia que a súa traxectoria laboral tense desenvolvido sempre no sector público. Así, ademais de ocupar diversos cargos na Administración Xeral do Estado, e da súa alta responsabilidade actual, no seu haber conta con ser a primeira muller nomeada no seu día interventora do Estado, e desde este ano a primeira muller premiada co Victoriano Reinoso.

A presenza de Rodríguez Miranda no acto supón non só un apoio explícito ao acerto na elección da premiada, senón tamén a aposta decidida da Xunta por dar pulo a cantas entidades sectoriais e profesionais combinen a lexítima defensa dos intereses dos seus asociados e asociadas co impulso dos retornos a Galicia desas actividades.

Canda outras moitas personalidades da esfera pública e privada, na celebración estiveron presentes o tamén exministro José Manuel Romay Beccaría, e o delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, así como altos cargos da entidade bancaria patrocinadora, e da propia AEGAMA, todos eles estreitamente vinculados a Galicia.

890 lecturas