Miranda asiste á entrega a Enrique Santín do Premio ‘Victoriano Reinoso’ de AEGAMA

O homenaxeado, persoa de especial relevancia da Galeguidade, activou moitas das iniciativas máis destacadas dos galegos e galegas residentes en Madrid.

  • Miranda saudando ao homenaxeado. Foto: Lalín Press
    Miranda saudando ao homenaxeado. Foto: Lalín Press
  • Miranda e Santín, nunha foto de arquivo
    Miranda e Santín, nunha foto de arquivo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participa esta noite na gala de entrega do Premio ‘Victoriano Reinoso’, galardón que outorga AEGAMA (Asociación de Empresarios Galegos en Madrid), e que nesta undécima edición recaeu nun coñecido e apreciado home da diáspora galega, Enrique Santín.

No acto estiveron presentes moitas e moitos dos membros da directiva da Asociación e do resto de entidades vinculadas á Galeguidade na capital española e tamén numerosos socias e socios das mesmas, nun novo acto conxunto da colectividade galega en Madrid.

Enrique Santín ten destacado na súa traxectoria vital e profesional coma un firme defensor dos valores e cultura galegos, especialmente na súa cidade de residencia, axudando de maneira eficiente –e en moitas ocasións pioneira- ao bo nome e proxección nacional e internacional da nosa terra.

A este ilustre avogado débense, en boa parte, diversas iniciativas conxuntas da Galeguidade como a propia Federación de Asociacións Galegas en Madrid (FAGAMA) ou a Enxebre Orde da Vieira, de dimensión internacional, entre outras, coas que se ten granxeado o amplo agarimo das galegas e galegos residentes na capital española.

A mellor Galeguidade
Durante a súa alocución ás e aos presentes, Miranda salientou “Enrique Santín é o mellor expoñente da mellor das Galeguidades: soubo integrarse plenamente na sociedade de recepción sen renunciar á súa xenuína idiosincrasia galega, e mesmo teño que dicir, ao orgullo de pertenza a esa gran irmandade universal que é a Galeguidade”.

“Por todo o feito en ben da comunidade galega en Madrid, e por todo o que tamén sen dúbida lle queda aínda por facer, tanto o mestre Pondal coma o resto das e dos devanceiros concordarían en incluír a don Enrique entre os ‘bos e xenerosos’ aos que se refire o noso himno”, dixo tamén o secretario xeral da Emigración.

1316 lecturas