Miranda asiste á celebración do cincuenta aniversario do Lar Gallego de Chile

O secretario xeral de Emigración viaxará tamén a Valparaíso para reunirse cos responsables do Centro Gallego e coñecer de primeira man as súas inquedanzas.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, viaxa hoxe cara Chile para reunirse con dúas das colectividades galegas máis influíntes do país, o Centro Gallego de Valparaíso e a Corporación Lar Gallego de Santiago, que ademais celebrará mañá sábado o seu cincuenta aniversario. Entre as actividades incluídas no programa festivo destaca a Festa de los Idiomas, na que se impartirán trinta minutos de clases exprés de galego en Parque Balmaceda, en Providencia. Máis tarde Miranda manterá un breve encontro con directivos de Lar Gallego, con quen participará a partir das 20 horas (hora local) na celebración oficial, á que tamén asistirá o representante da Embaixada de España e conselleiro de Emprego e Seguridade Social, Carlos Tortuero Martín, e na que actuará o cantautor ourensán Emilio Rúa.

Antes de acudir a estes actos e tan pronto aterre en Chile ao longo do día de hoxe, o secretario xeral de Emigración achegarase á rexión de Valparaíso, onde presidirá unha xuntanza con directivos do Centro Gallego na que coñecerá de primeira man as necesidades e logros acadados por esta colectividade.

Invitación á xuventude
Ademais, e dirixido especificamente á mocidade galega residente no país andino, Antonio Rodríguez Miranda invitará ás e aos fillos e netos de emigrantes a participar no programa de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior. Estas axudas, que están a piques de iniciar a andadura da súa segunda edición, buscan atraer a Galicia a mozas e mozos da comunidade residentes no estranxeiro co obxectivo de fixar poboación nova que emprenda, e por tanto xere emprego, en sectores en expansión.

219 lecturas