Miranda asinou cadanseu acordo de colaboración con dúas das mutuas sanitarias máis importantes de Uruguai, fundadas por galegos

O secretario xeral da Emigración afirmou que o labor que realizan ‘a Española’ e a Casa de Galicia “son motivo de orgullo para tódolos galegos de ben”. 

O alto cargo mantivo un encontro co conselleiro laboral da Embaixada española, Benito Díez. 

  • Imaxe da sinatura do convenio de colaboración coa Casa Galicia de Montevideo
    Imaxe da sinatura do convenio de colaboración coa Casa Galicia de Montevideo
  • Na imaxe, Manuel Ramos (á esquerda) e Antonio Rodríguez Miranda
    Na imaxe, Manuel Ramos (á esquerda) e Antonio Rodríguez Miranda
  • De esquerda a dereita: Antonio Rodríguez Miranda, Benito Díez e Alejandro López Dobarro durante a reunión mantida na capital uruguaia
    De esquerda a dereita: Antonio Rodríguez Miranda, Benito Díez e Alejandro López Dobarro durante a reunión mantida na capital uruguaia
  • Imaxe da sinatura do convenio de colaboración coa Asociación Española Primera de Socorros Mutuos
    Imaxe da sinatura do convenio de colaboración coa Asociación Española Primera de Socorros Mutuos
  • Imaxe da sinatura do convenio de colaboración coa Asociación Española Primera de Socorros Mutuos
    Imaxe da sinatura do convenio de colaboración coa Asociación Española Primera de Socorros Mutuos
  • Imaxe da sinatura do convenio de colaboración coa Asociación Española Primera de Socorros Mutuos
    Imaxe da sinatura do convenio de colaboración coa Asociación Española Primera de Socorros Mutuos
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado en todo momento polo delegado da Xunta en Arxentina e Uruguai, Alejandro López Dobarro, asinou en Montevideo cadanseu convenio de colaboración en materia social e asistencial coa Asociación Española Primera de Socorros Mutuos, e coa Casa de Galicia. Trátase de dous novos acordos, entre os moitos que se asinan cada ano coas comunidades galegas da diáspora, que reforzan o labor de apoio da Xunta ao traballo desenvolvido por estas entidades en favor das e dos paisanos residentes do Exterior e en situación de maior necesidade.

O acordo coa ‘Española’, dotado con 20.000 euros, ten por obxecto a condonación total ou parcial das cotas que dan dereito á asistencia sociosanitaria, e copagamento de medicamentos, aos asociados e asociadas de orixe galega e descendentes que se atopan en situación de carencia, tendo en conta criterios como a situación económica, idade e a antigüidade como socios. A redución, segundo os casos, é do 100, 50 ou 25 por cento.

Durante a sinatura, Miranda fixo fincapé en que “a emigración galega caracterizouse desde o primeiro momento pola solidariedade cos máis desfavorecidos. Da capacidade de poñerse na pel do outro, e botarlle unha man cando máis o necesita, naceu a inmensa maioría das mutuas do continente americano, e boa parte delas -e desde logo as máis senlleiras no Uruguai- foron creadas por galegos. Este é un motivo de orgullo para todas e tódolos galegos de ben”.

A ‘Asociación Española Primera de Socorros Mutuos’, fundada en 1953, é unha mutua que proporciona cobertura sanitaria a máis de 170.000 persoas (das que 30.000 teñen orixe galega), referente entre os centros asistenciais do sur de América, e que foi recoñecida solemnemente polo Senado uruguaio. Conta cun hospital de 26.500 m2 e 452 camas, así como catro sedes secundarias, cinco policlínicas e catro unidades de internamento, entre outras dotacións que a converten en punteira do seu sector no Uruguai.

Casa de Galicia
O outro acordo, dotado con 35.000 euros, asinouno Miranda coa Casa de Galicia, e ten por obxecto contribuír á atención das necesidades sanitarias e socio asistenciais básicas daquelas persoas de orixe ou ascendencia galega, con nacionalidade española e residentes en Montevideo, que se atopen en situación de carencia ou xubilación con ingresos mínimos e non poidan afrontar este gasto ao non estar cubertas polos sistemas públicos de asistencia social.

A Casa de Galicia de Montevideo, fundada en 1917, é o centro galego con maior número de persoas asociadas en todo o mundo, máis de 58.000. Creouse como sociedade de “instrución, recreo, beneficencia, sanidade e protección ao traballo”, e xestiona un sanatorio policlínico central e outros oito policlínicos zonais, que dispoñen de laboratorios de análise clínicas, salas de hemodinámica, quirófanos e área pediátrica. Presta de xeito excepcional cobertura sanitaria gratuíta ás persoas que se atopen en situación de grave dificultade.

Durante a sinatura, Miranda destacou precisamente que “como o centro galego con maior número de socios en todo o mundo, esta entidade é para todos -tanto para os que traballamos directamente no ámbito da Galeguidade, como para tódalas e tódolos galegos de ben- un orgullo e un exemplo”.

Ocasión demográfica
O secretario xeral da Emigración foi ademais recibido polo conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada española en Uruguai, Benito Díez, de orixe galega, con quen departiu sobre diversos asuntos vinculados á ampla colectividade galega residente no país: segundo os datos do INE, 41.111 persoas, das que 4 de cada 5 naceron xa na diáspora.

Posteriormente, mantivo tamén un encontro cos mozos e mozas galegos residentes en Uruguai beneficiarios das primeiras Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, tal e como fixera na xornada anterior coas súas compañeiras e compañeiros arxentinos. Miranda recordou tralo encontro que “estes mozos e mozas, galegos e galegas do Exterior, supoñen desde o punto de vista demográfico unha oportunidade excepcional para Galicia”.

282 lecturas