Miranda anuncia outros 200.000 euros para Venezuela en axudas de emerxencia social, que xa se poden solicitar

Trátase dunha das moitas liñas que se teñen reforzado para os paisanos e paisanas residentes alí, e que neste ano superan os 1’5 millóns de euros. 

Mercé a este incremento orzamentario, reforzáronse tamén as estruturas de asistencia social das comunidades galegas asentadas no país con persoal especializado. 

O secretario xeral da Emigración, nunha foto de arquivo
O secretario xeral da Emigración, nunha foto de arquivo
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de anunciar a ampliación do crédito orzamentario destinado a axudas de emerxencia social en 200.000 euros. Estas son axudas dirixidas a galegas e galegos residentes no exterior que carezan dos recursos económicos necesarios para atender situacións sobrevidas de carácter extraordinario de emerxencia social, sanitaria ou asistencial, e que precisen dunha actuación urxente.

Teñen carácter persoal e intransferible, non orixinan ningún dereito subxectivo para os beneficiarios e beneficiarias, son incompatibles con outras de Emigración ou outro organismo público que ampare o mesmo concepto, e unicamente pode concederse unha vez por feito causante e por solicitante.

As e os beneficiarios carecen de rendas, ingresos e patrimonio para facer fronte á situación obxecto da axuda, e acreditan razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas que pola súa gravidade requiren unha actuación urxente. Entre esas razóns están, por exemplo, atoparse no Exterior en situacións de marxinación social ou de tal grao de dependencia que a persoa solicitante non se poida valer por si mesma e non teña cuberta a necesidade de atención por ningún medio. Ou sufrir situacións derivadas da perda, inadecuación ou dotación básica da vivenda habitual.

Igualmente, amparan situacións de problemas perentorios referidos á alimentación, vestido, educación e outros de natureza análoga non cubertos polos diferentes sistemas de protección do país no que reside a persoa beneficiaria, ou as situacións derivadas de problemas sanitarios graves cuxo tratamento non estea debidamente cuberto ou con respecto dos cales a súa atención no Estado español supoña unha avantaxe significativa.

Máis de millón e medio
As axudas de emerxencia social son outra das moitas vías que se teñen reforzado este ano para a atención social e sanitaria aos galegos e galegas de Venezuela, para os que Emigración pasou en 2017 a destinar en total máis de 1’5 millóns de euros. Así, calcúlase que se triplicarán as solicitudes chegadas desde ese país de axudas individuais para emigrantes retornados (distintas ás de emerxencia social), tamén aumentará o número de beneficiarias e beneficiarios de subvencións ao emprendemento retornados desde Venezuela, e desde alí vén o número máis significativo de persoas beneficiarias das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, iniciativa pioneira deste ano.

Ademais, reforzáronse asemade este ano os convenios de colaboración con entidades sociais que traballan sobre o terreo na mellora das condicións de vida das nosas e os nosos paisanos en Venezuela, e tamén aumentou o número de mozas e mozos e maiores chegados desde alí que se beneficiaron dos distintos programas sociais de Emigración, como ‘Conecta con Galicia’, ‘Escolas Abertas’, ‘Reencontros na Casa’ ou ‘Reencontros na Terra’. Igualmente, asináronse acordos para a posta en marcha de oficinas de información e asesoramento a persoas retornadas, entre outras moitas medidas.

Compre destacar que, asemade, se reforzaron as estruturas de asistencia social en colaboración coas distintas comunidades galegas asentadas no país (en Caracas, Valencia, Maracaibo e Puerto La Cruz) dotando a todas elas de persoal especializado que axude a detectar as situacións de necesidade e a facilitar a tramitación de expedientes para a súa asistencia.

839 lecturas