Miranda anima ás comunidades galegas en Alemaña a fortalecer os vínculos con Galicia das segundas xeracións

O secretario xeral da Emigración reuniuse con representantes de entidades galegas con sede en distintos puntos da República Federal.

O alto cargo autonómico presidiu asemade os actos do 45 aniversario do ‘Centro Cultural Deportivo Galicia Emigrante 1972’ de Gütersloh.

  • Imaxe desta mañá da visita do secretario xeral da Emigración ao Centro Cultural Deportivo Galicia Emigrante 1972 de Gütersloh
    Imaxe desta mañá da visita do secretario xeral da Emigración ao Centro Cultural Deportivo Galicia Emigrante 1972 de Gütersloh
  • Imaxe desta mañá da visita do secretario xeral da Emigración ao Centro Cultural Deportivo Galicia Emigrante 1972 de Gütersloh
    Imaxe desta mañá da visita do secretario xeral da Emigración ao Centro Cultural Deportivo Galicia Emigrante 1972 de Gütersloh
  • Imaxe desta mañá da visita do secretario xeral da Emigración ao Centro Cultural Deportivo Galicia Emigrante 1972 de Gütersloh
    Imaxe desta mañá da visita do secretario xeral da Emigración ao Centro Cultural Deportivo Galicia Emigrante 1972 de Gütersloh
Gütersloh / Santiago, 22 de xaneiro de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu este domingo as celebracións conmemorativas do cuadraxésimo quinto aniversario da fundación do ‘Centro Cultural Deportivo Galicia Emigrante 1972’ de Gütersloh, cidade do land de Renania do Norte – Westfalia no que a comunidade galega supón a máis senlleira de entre as colectividades foráneas.

Precisamente, Miranda gabou na súa alocución a boa imaxe e a plena integración que son sinal identificador dos nosos paisanos e paisanas na cidade, malia as obvias diferenzas culturais e lingüísticas: “O voso traballo fai que sexades exemplo de integración, e que vos teñades gañado o respecto e simpatía do pobo e as autoridades alemás; quero e debo felicitarvos sinceramente por iso”, afirmou Miranda.

Tamén salientou que “agora que corren tempos complicados para a interculturalidade, as e os galegos podemos presumir dunha historia de plena integración sen perder as raíces propias: de novo, vós, os galegos do Exterior, sodes exemplo ante o mundo, tal e como sen dúbida destacaría hoxe don Fernando”, dixo o secretario xeral en alusión ao pasamento este xoves do que fora secretario xeral para as relacións coas Comunidades Galegas, Fernando Amarelo de Castro.

Transmisión á mocidade
A capacidade demostrada polas comunidades galegas en Alemaña para transmitir a fillas, fillos e netas e netos a vinculación coa súa terra de orixe foi posta en valor polo secretario xeral na reunión previa que mantivo con representantes doutras entidades galegas con sede noutras cidades da República Federal, tales como Cuxhaven, Hannover, Núremberg ou Múnic, nas que existen colectividades galegas significativas.

O responsable da Xunta en materia de Emigración gabou o traballo de continuidade xeracional na Galeguidade universal pedindo ás comunidades asentadas en Alemaña que “fornezades a unión que se pode sentir entre tódolos galegos e galegas residentes neste país, e sobre todo que vos preocupedes porque non se perda ese sentimento de pertenza á Galeguidade entre as xeracións xa nadas na diáspora que tan ben soubestes e sabedes transmitir”.

Galicia en Alemaña
Existen arestora dez entidades galegas na diáspora. Ademais da Coordinadora Federal das Asociacións Galegas en Alemaña, existen seis comunidades (Centro Galego de Núremberg, Centro Cultural Galego de Cuxhaven, Club Galicia de Bonn, Peña Galega de Múnic, Centro Cultural Galego de Frankfurt, e Centro Galego de Hannover), dous centros de estudo e difusión da cultura galega (Grupo Cultural Galego de Troisdorf e o propio Centro Cultural e Deportivo Galicia Emigrante 1972 de Gütersolh), e finalmente un centro colaborador da Galeguidade (Asociación Cultural Galega de Hamburgo).

No conxunto da República Federal de Alemaña están censadas e censados, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2016, un total de 16.773 galegas e galegos, dos cales 8.816 (o 52’56 por cento, máis da metade) naceron xa na diáspora. A colectividade numericamente máis destacada é a orixinaria da provincia de Pontevedra, seguida pola de Ourense, A Coruña e finalmente Lugo.