Miranda analizou a actualidade da diáspora galega en Valencia con directivos do Centro Galego na cidade

Máis de 18.500 persoas nadas en Galicia residen arestora nas tres provincias da Comunidade Valenciana.

  • Na imaxe, de esquerda a dereita: Coto, Cerdeira e Miranda durante a reunión no despacho deste último en Santiago de Compostela
    Na imaxe, de esquerda a dereita: Coto, Cerdeira e Miranda durante a reunión no despacho deste último en Santiago de Compostela
  • Na imaxe, de esquerda a dereita: Coto, Cerdeira e Miranda durante a reunión no despacho deste último en Santiago de Compostela
    Na imaxe, de esquerda a dereita: Coto, Cerdeira e Miranda durante a reunión no despacho deste último en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 26 de maio de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho ao presidente e un dos vogais da directiva do Centro Galego de Valencia, José Ramón Cerdeira e Xoaquín Coto respectivamente, con quen departiu sobre a actualidade desa entidade e da diáspora galega na capital autonómica valenciana, e tamén nas tres provincias levantinas.

Cerdeira, Coto e Miranda departiron sobre a actual colaboración entre a Xunta e unha das entidades máis senlleiras de entre as comunidades galegas asentadas no territorio español, con máis de medio século de existencia. O Centro está a estudar unha posible mellora na súa localización xeográfica na cidade do Turia, co gallo de achegar os seus servizos de maneira aínda máis eficaz á colectividade galega sentada na zona.

Os directivos da entidade adiantaron ao secretario xeral algunhas das actividades e accións a desenvolver a curto e medio prazo, e Rodríguez Miranda renovou o compromiso do seu departamento no apoio á entidade. O Centro Galego de Valencia conta arestora cunha ampla actividade cultural, social, musical e deportiva, de moita relevancia na sociedade de recepción, especialmente pola sona acadada polos seus grupos de danza e gaita, canto e percusión. Organiza ademais un torneo de xadrez no que participan grandes figuras españolas e do resto do mundo.

Na actualidade, e segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2017, no territorio da Comunidade Valenciana residen 18.544 persoas nadas en Galicia. Esta cifra non abrangue galegas e galegos de segundas xeracións, polo que o número total real de cidadás e cidadáns residentes no Levante, e con sentimento de Galeguidade, é moi superior.

427 lecturas