Miranda analiza a actualidade da diáspora galega no Bierzo con directivas do Centro Galicia en Ponferrada, que cumpre 25 anos

Case 24.000 persoas nadas en Galicia residen arestora en Castela e León, das que a metade viven na provincia de León.

Doel, Valeiro e Miranda no despacho do secretario xeral da Emigración en Santiago de Compostela
Doel, Valeiro e Miranda no despacho do secretario xeral da Emigración en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho á presidenta e á secretaria do Centro Galicia en Ponferrada, Carmen Doel e María José Valeiro respectivamente, coas que departiu sobre a actualidade desa entidade e da diáspora galega na comarca do Bierzo -á que unen a Galicia múltiplas referencias históricas, culturais e mesmo lingüísticas- e en xeral de Castela e León.

Doel, Valeiro e Miranda departiron sobre a actual colaboración entre a Xunta e unha das entidades máis singulares de entre as comunidades galegas, por canto a proximidade xeográfica, lonxe de servir de atenuante, faino de acicate para o sentimento de pertenza á Galeguidade universal, como ten amosado o Centro Galicia en Ponferrada ao longo dos seus 25 anos de existencia.

O secretario xeral da Emigración renovou o compromiso do seu departamento no apoio á entidade, á que pertencen preto de medio millar de socias e socios, e cuxas directivas invitaron a Miranda a compartir coas e cos socios algunhas das celebracións que se leven a cabo por motivo dos 25 anos desde a súa fundación.

Galegas e galegos no Bierzo
O Centro Galicia en Ponferrada dispón dun céntrico local cunha superficie construída de case 400 metros cadrados. Segundo a súa filosofía fundacional, o seu obxectivo é “difundir a cultura galega en todas as súas manifestacións e estreitar vínculos con Galicia, así como divulgar entre o público o coñecemento do Camiño de Santiago e a Ruta Xacobea”.

Entre as distintas celebracións anuais que desenvolven, cabe salientar a Romaría de Santiago Apóstolo na Cruz de Ferro, no monte Irago, onde se reúnen arredor de tres mil persoas na ermida que o Centro posúe. Tamén celebran en novembro unha xa tradicional Festa de Exaltación do Cocido Galego, ben coñecida pola veciñanza berciana.

Na actualidade, e segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2016, no territorio da Comunidade Autónoma de Castela e León residen 23.819 persoas nadas en Galicia, das cales 11.735 fano concretamente na provincia de León (o 49’26 % do total). Esta cifra non abrangue galegas e galegos de segundas xeracións, polo que o número total real de cidadás e cidadáns residentes en Castela e León con sentimento de Galeguidade é moi superior.

877 lecturas