Miranda afirma que se debe aproveitar o inicio da recuperación económica para converter esta na “lexislatura do retorno”

O secretario xeral da Emigración ofrece no Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior traballar “con humildade, lealdade e intensidade” en favor das e dos galegos e españois residentes no estranxeiro.

Comparte a súa “fonda preocupación” polos paisanos e paisanas residentes en Venezuela, así como polas e polos pensionistas retornados que non cobran a súa pensión.

Ofrece a súa “estreita colaboración” a tódalas e tódolos representantes da diáspora,  e administracións implicadas, para complementar medidas en favor dos españois e das españolas que viven fóra do territorio.

Miranda ofrece no CGCEE traballar “con humildade, lealdade e intensidade” en favor das e dos galegos e españois residentes no estranxeiro
Miranda ofrece no CGCEE traballar “con humildade, lealdade e intensidade” en favor das e dos galegos e españois residentes no estranxeiro
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, interveu esta tarde no plenario do Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior, máximo órgano de interlocución entre as administracións e os representantes das colectividades españolas no estranxeiro, e que se reúne hoxe e mañá en Madrid.

Rodríguez Miranda subliñou a crecente inestabilidade dun país no que residen arestora máis de 180.000 españois e españolas, dos que a cuarta parte (uns 44.000) son galegas e galegos, colectividades que precisan a atención especial das administracións nestes momentos: “Da mesma maneira que no pasado Venezuela e o seu pobo, e especialmente as colectividades galega e española que alí residían, estiveron pendentes dos acontecementos en España, e mostráronse especialmente sensibles nos momentos máis duros da nosa historia, é de xustiza que agora correspondamos coa mesma atención e agarimo cara á súa. Galicia, polo menos, farao”, afirmou o alto cargo da Xunta.

Esa situación, lembrou o secretario xeral, ten tamén consecuencias para o noso país, porque moitas e moitos paisanos, “pensionistas do Estado venezolano, que retornaron a España, non están a percibir as súas pensións, e algúns deles desde hai dous anos”, lembrou.

Retorno
De Venezuela proceden así mesmo moitas das persoas beneficiadas polas liñas de apoio ao retorno postas en marcha polo Goberno galego, e que Miranda recordou brevemente: subvencións para o retorno emprendedor, axudas con enfoque social para familias que necesitan un colchón económico no momento de retornar, e unha acción novidade deste ano e que acadou un importante éxito: as ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’, polas que cen galegas e galegos residentes no estranxeiro cursarán a partir deste mes de setembro un master nunha universidade galega, co fin de que radiquen no territorio a súa traxectoria profesional e vital. A consolidación da recuperación económica, asegurou Miranda, débese aproveitar para converter a actual na “lexislatura do retorno”.

Rodríguez Miranda ofreceu a “estreita colaboración, da Administración que represento, a todos os conselleiros nos seus respectivos ámbitos territoriais, e á Administración do Estado, para complementarnos en todas as medidas que levamos a cabo en favor da nosa cidadanía no Exterior. E fágoo desde o compromiso de traballar con humildade, lealdade e intensidade, por e para os españois no Exterior, e en particular para os meus paisanos galegos”.

Reforma do voto
O máximo responsable autonómico recordou na súa alocución dous aspectos fundamentais nos que existe un amplo consenso de necesidade de reforma. En primeiro lugar, “a Lei Electoral para dar cabida á tantas veces demandada reforma do voto dos nosos paisanos na diáspora, un asunto que se arrastra desde hai xa demasiado tempo”.

Miranda recordou a este respecto que a posición de Galicia e o seu Goberno é absolutamente clara neste tema, e foino desde o primeiro momento: cómpre suprimir o voto rogado, e resulta prioritario estudar fórmulas que garantan que se poida votar “en condicións similares ás dos cidadáns residentes no territorio”. Ademais, afirmou que tamén é prioritario “corrixir os agravios comparativos que se produciron polas actuais leis en materia de nacionalidade”.

Miranda recordou que, para o noso país, a cidadanía no Exterior resulta anímica e estatisticamente máis relevante ca para o resto de España: “Mentres en torno ao 7% dos españois residentes no territorio son galegos, no caso dos cidadáns residentes no estranxeiro esa porcentaxe é do 21”. É dicir, unha de cada cinco persoas españolas residentes no estranxeiro é galega.

1049 lecturas