Miranda achégase á situación dos galegos e galegas en Santiago de Cuba nunha reunión con membros e representantes da colectividade

O secretario xeral da Emigración viaxou ao oriente do país para facer seguimento da entrega das 532 axudas destinadas a emigrantes residentes na provincia. 

O responsable autonómico aproveitou para mandar unha mensaxe de pésame á familia e amizades de José Blanco, coordinador de Guantánamo recentemente falecido.

  • Un momento da reunión do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, coa colectividade de galegos e galegas residentes en Santiago de Cuba
    Un momento da reunión do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, coa colectividade de galegos e galegas residentes en Santiago de Cuba
  • Na imaxe, o secretario xeral da emigración, Antonio Rodríguez Miranda, coa coordinadora de Santiago de Cuba, Josefina Castro Diego
    Na imaxe, o secretario xeral da emigración, Antonio Rodríguez Miranda, coa coordinadora de Santiago de Cuba, Josefina Castro Diego
  • Miranda e Josefina Castro co arcebispo de Santiago de Cuba e presidente da Conferencia Episcopal de Cuba, Dionisio Guillermo García Ibáñez, con quen se mantén un contacto habitual tanto por colaboracións culturais coa Diócese, homóloga de Compostela, como polo compromiso social e relevancia que ten na sociedade cubana
    Miranda e Josefina Castro co arcebispo de Santiago de Cuba e presidente da Conferencia Episcopal de Cuba, Dionisio Guillermo García Ibáñez, con quen se mantén un contacto habitual tanto por colaboracións culturais coa Diócese, homóloga de Compostela, como polo compromiso social e relevancia que ten na sociedade cubana
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, fixo onte á tarde unha escala en Santiago de Cuba dentro da súa viaxe ao país centroamericano para interesarse en persoa pola situación dos galegos e galegas que residen no oriente da illa. Alí, o responsable autonómico mantivo unha reunión con membros da colectividade da zona para coñecer de primeira man o resultado da campaña de entrega de axudas que vén de desenvolver a Xunta de Galicia entre as e os emigrantes radicados en territorio cubano. Logo de recibir información directamente dos galegos e as galegas residentes no país centroamericano, Rodríguez Miranda mantivo un encontro coa coordinadora en Santiago de Cuba, Josefina Castro Diego, para tratar asuntos relacionados coa xestión das liñas de colaboración do Goberno galego coas e cos residentes na zona sur da illa.

En total, son 532 as axudas individuais que a Secretaría Xeral da Emigración concedeu en 2017 ás cidadás e aos cidadáns galegos que viven na provincia de Santiago de Cuba, unha das catorce que integran a república centroamericana. Esta partida supón unha parte importante das 7.012 que a Xunta de Galicia distribuíu entre os galegos e galegas residentes en todo o país.  A medida de idade dos destinatarios e destinatarias destas subvencións é de 77 anos.

Pesar polo falecemento de José Blanco 
Rodríguez Miranda quixo aproveitar a súa estancia na illa para transmitir o seu pésame á familia de quen fose coordinador en Guantánamo, José Blanco Fernández, de cuxo pasamento tivo coñecemento estando xa en Cuba. O secretario xeral da Emigración quixo facer chegar o seu agradecemento e mensaxe de ánimo á familia e amizades dunha das persoas que máis se preocupou polo benestar das e dos seus compatriotas e por manter os vínculos das galegas e dos galegos do sur da República de Cuba coa súas orixes.

Chega, así, o secretario xeral da Emigración ao ecuador da súa viaxe polo país centroamericano, que continuará con encontros de traballo en Pinar del Río e de novo en La Habana, onde se reunirá, xunto ao embaixador español en Cuba, coas e cos presidentes das sociedades galegas na illa centroamericana e co máximo responsable da Federación de Sociedades Gallegas na República de Cuba, Sergio Toledo.

1121 lecturas