Máis de 50.000 alumnas e alumnos téñense beneficiado dos obradoiros e seminarios convocados por Emigración, cuxa edición de 2016 publica hoxe o DOG

Impartiranse nas comunidades galegas do Exterior durante este ano, coa axuda da Xunta, accións formativas en baile, gaita, percusión, pandeireta e canto, cultura galega, cociña galega, e artesanía (encaixe de palillos e confección de traxe tradicional. 

O prazo de presentación de solicitudes esténdese por un mes. 

Foto de arquivo dun obradoiro realizado no Centro Gallego de México
Foto de arquivo dun obradoiro realizado no Centro Gallego de México
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2016.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Secretaría Xeral da Emigración pola que se establecen as bases reguladoras para o desenvolvemento de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega en colaboración coas entidades galegas do Exterior.

Concretamente e na edición deste ano, os obradoiros convócanse para as especialidades de baile, gaita, percusión, pandeireta e canto, artesanía (encaixe de palillos e confección de traxe tradicional), cociña galega, e seminarios de cultura galega. No caso destes últimos, consolídanse na convocatoria debido á súa demanda por parte dos propios centros e comunidades galegas do Exterior, despois de térense estreado con óptimo aproveitamento en pasadas edicións.

A formación desenvolverase ao longo de 15 días, cun tempo docente total de 40 horas, agás no caso dos obradoiros de cociña e seminarios de cultura, cuxa duración e tempo lectivo redúcese á metade.

Emigración destina neste ano orzamentario para esta iniciativa 90.000 euros, cos que sufraga a remuneración da persoa docente, o co custo do desprazamento do formador ou formadora ao lugar de realización do curso, o custo do material necesario para impartir os obradoiros de carácter artesanal, de cociña, seminarios de cultura galega e, se é o caso, do seu envío, e o custo de elaboración dos contidos dos obradoiros e o seu desenvolvemento.

Obrigas das comunidades
Pola súa banda, as entidades galegas fanse cargo dos gastos de estadía e manutención da persoa formadora en lugar e condicións axeitadas, dos gastos de traslado do formador ou formadora dentro da cidade onde teña lugar o curso, da xestión e dotación das instalacións axeitadas, e da subministración doutro material funxible necesario.

Na convocatoria, que fixa nun mes o prazo de presentación das solicitudes, estipúlanse asemade a documentación necesaria e o procedemento e criterios de valoración para a adxudicación dos cursos, así como os sistemas de seguimento e control. A publicación no DOG consolídase nas primeiras semanas do ano, co obxectivo de que as persoas que viaxen ao abeiro do programa teñan tempo abondo para planificaren os seus desprazamentos ata e en Galicia.

É de salientar que o alumnado destes obradoiros, grazas á instrución e mellora das súas habilidades, acrecentan o seu interese e vinculación con Galicia. Así, e segundo o secretario xeral da Emigración Antonio Rodríguez Miranda, “a formación espállase a decenas de milleiros de alumnas e alumnos polos centros e casas de Galicia no mundo, pero sobre todo fornécese a ligazón entre a Galicia territorial e os seus fillos espallados por todo o mundo”.

Ata o momento, téñense formado directamente nas distintas edicións dos obradoiros e seminarios convocados por Emigración desde hai máis de 20 anos, máis de 50.000 alumnas e alumnos.

888 lecturas