López-Chaves visita na residencia de Panxón ás e aos 135 participantes no programa “Reencontros na Terra”

“Reencontros na Terra”, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración e desenvolvido coa colaboración da Consellería de Política Social
“Reencontros na Terra”, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración e desenvolvido coa colaboración da Consellería de Política Social
Listen to this page using ReadSpeaker
Nigrán (Pontevedra), 10 de outubro de 2017.

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá ás e aos 135 participantes do programa “Reencontros na Terra”. Acompañado pola xefa territorial da Consellería de Política Social, Marta Iglesias, achegouse ata a Residencia de Panxón na que se aloxan desde o pasado 3 de outubro en réxime de pensión completa nunha estadía de dúas semanas.

Chegadas de Arxentina (70 persoas), de Uruguai (33 persoas), de Venezuela (24 persoas), Brasil (2 persoas) e de Cuba (5), culminarán esta primeira fase do programa cunha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental e recepción institucional do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

A segunda fase consiste nunha estadía xunto ás súas familias de Galicia, coas que poden permanecer ata completaren un tempo máximo de corenta e cinco días. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitas das persoas beneficiarias unha oportunidade única de volveren a atopar as súas profundas raíces persoais e redescubriren as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

O programa “Reencontros na Terra”, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración e desenvolvido coa colaboración da Consellería de Política Social, ten por finalidade favorecer o achegamento de emigrantes galegos e galegas que teñen cumpridos 65 anos á súa terra e ás súas familias.

527 lecturas