Igualdade e Emigración destinan 341.000 euros a un programa de asistencia a mulleres vítimas da prostitución

Realízase coa colaboración de Cruz Vermella, Cáritas Diocesana, Oblatas de Ferrol, Adoratrices de Ourense, ACCEM, Médicos del Mundo, Ecos do Sur e Faraxa.

Está enmarcado no protocolo asinado en 2010 pola Xunta e a Fiscalía Superior de Galicia.

Listen to this page using ReadSpeaker
14 de xuño de 2011.

As secretarías xerais da Igualdade e da Emigración van destinar este ano 341.000 euros ao programa de prevención e asistencia ás mulleres vítimas da prostitución, trata e explotación sexual, coa colaboración de diferentes ONGs e entidades especializadas na atención a estas vítimas.

Para formalizar esa colaboración, esta mañá tivo lugar a sinatura dos respectivos convenios entre ambas as dúas secretarías e as entidades colaboradoras, nun acto celebrado na EGAP. A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, e o secretario xeral da Emigración, José Santiago Camba, firmaron os protocolos de colaboración cos responsables de Cruz Vermella, Cáritas Diocesana de Santiago e de Ourense, Relixiosas Oblatas de Ferrol, Adoratrices de Ourense, a Asociación da Comisión Católica Española de Migración, ACCEM, Médicos del Mundo, Asociación Ecos do Sur e a Asociación Faraxa, que son as entidades participantes no programa.

Con este acordo dáse continuidade ao programa iniciado o pasado ano, coa finalidade de reforzar e ampliar os servizos que cada unha destas institucións xa presta a estas mulleres, mediante accións de diversa natureza, como son a acollida; asesoramento, información e orientación; a atención psicolóxica; a formación e orientación laboral; o acompañamento no proxecto persoal; a atención sociosanitaria ou a integración social.

3.645 mulleres asistidas en 2010
Este programa deu comezo en 2010 no marco do protocolo de actuación institucional asinado pola Xunta de Galicia e a Fiscalía Superior da Comunidade Autónoma ao obxecto de articular unha liña de actuación conxunta multidisciplinar dirixida a combater a trata de seres humanos con fins de explotación sexual e dar unha resposta integral e específica ás mulleres inmigrantes que exercen a prostitución en Galicia, vítimas desta problemática.

Esta actuación coordinada supón a implicación da Administración autonómica, da Fiscalía Superior de Galicia, das forzas e corpos de seguridade, de ONGs e outras entidades especializadas na atención a estas vítimas, que son as que directamente realizan as tarefas previstas de asistencia e asesoramento ás mulleres.

Como resultado do primeiro ano de colaboración, en 2010 foron atendidas ao abeiro deste programa un total de 3.645 mulleres en Galicia -1.750 na provincia de Pontevedra, 993 en Ourense, 673 na Coruña e 229 en Lugo-.

A pesares da dificultade de obxectivar e cuantificar os aspectos relacionados coa prostitución, a secretaria xeral aludiu esta mañá na presentación do programa ao fenómeno crecente do tráfico e trata de mulleres e nenas nos países occidentais, mediante ameazas, uso da forza ou outras formas de coacción. Segundo o Informe da Ponencia sobre prostitución en España, aprobado polo Congreso dos Deputados no ano 2007, calcúlase que unhas 400.000 mulleres exercen a prostitución, un negocio que move uns 18.000 millóns de euros anuais en España, segundo recoñece a Asociación de propietarios de clubs de alterne. No mundo, aproximadamente uns 4 millóns de mulleres e nenas son compradas e vendidas anualmente, para forzalas á prostitución, á escravitude ou ao matrimonio.

En Galicia, segundo a memoria de 2008 da Fiscalía Superior, o número de mulleres identificadas entre 2005 e 2008 polas forzas de seguridade como vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, de acordo co posto de manifesto por elas mesmas en dependencias policías, foi de 234. Os países de orixe máis frecuentes das mulleres que exercen a prostitución en Galicia son Brasil, Romanía e Nixeria.

Esta realidade debe ser unha “alerta permanente para toda a sociedade e especialmente para quen temos a responsabilidade de decidir as políticas sociais”, segundo a secretaria xeral da Igualdade, Marta González, que reiterou o compromiso do departamento “para seguir no camiño iniciado, con máis medios, con máis determinación e con máis presuposto que o ano pasado a pesares da crise”. O programa, cofinanciado co FSE do actual Programa Operativo, dispuxo en 2010 dun presuposto de 334.000 euros, que este ano pasa a ser de 341.000.

Pola súa banda, Camba destacou o importante esforzo orzamentario que realiza a Secretaría Xeral da Emigración para o financiamento desta iniciativa, a pesar da drástica redución económica que no Plan de Acción tiveron os fondos dedicados á integración dos inmigrantes por parte do Goberno Central.

1617 lecturas