Hoxe entra en funcionamento a sede electrónica da Xunta de Galicia

O enderezo https://sede.xunta.es convertirase no punto de acceso único á información e aos trámites de toda a Administración autonómica sen condicionantes de tempo e espazo.

De xeito progresivo iranse incorporando á sede os mesmos servizos que o cidadán ten á súa disposición actualmente en calquera das ventanillas das consellerías.

A sede facilitará o acceso do usuario aos contidos grazas a un réxime común de tramitación administrativa e a unha estruturación independente de cambios organizativos.

Simplificará a relación entre a cidadanía e a Administración, facilitándolle un único interlocutor a efectos operativos.

Listen to this page using ReadSpeaker
23 de setembro de 2011.

Xa está operativa a sede electrónica da Xunta segundo se recolle na orde que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia. Cidadáns e empresas poden acceder á través da dirección https://sede.xunta.es ao espazo que se convertirá nun punto de acceso único a toda a Administración e as súas entidades instrumentais a través da Rede. De xeito progresivo, a sede ofrecerá aos cidadáns e ás cidadás á mesma información e aos mesmos servizos que teñen á agora súa disposición en calquera das ventanillas das consellerías.

A sede electrónica é un paso máis dentro das actuacións previstas no Plan de Modernización da Administración autonómica e co que se dá cumprimento á Lei 11/2007 de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. Coa entrada en funcionamento xurde unha nova forma de realizar as xestións públicas, sen condicionantes horarios nin de espazo, de xeito gratuíto, coa máxima seguridade e contribuíndo a un uso máis eficiente dos recursos públicos.

A día de hoxe a Xunta conta cuns 1.500 procedementos administrativos de diferentes consellerías e departamentos, dos que uns 120 se poden presentar de xeito telemático. Paulatinamente estes procedementos incorporaranse á sede e calquera novo procedemento que xurda crearase xa para ser presentado de xeito electrónico. Deste xeito avánzase no compromiso do Goberno galego de reducir as cargas administrativas que implican a presentación de trámites en papel. O obxectivo marcado polo Plan de Modernización da Administración é acadar no 2013 o 100% da tramitación online dos procedementos administrativos e avanzar cara unha política cero papel.

Progresivamente iranse incorporando ao enderezo https://sede.xunta.es os servizos e a información necesaria para que o cidadán poida interactuar por medios electrónicos, durante todos os días do ano e as 24 horas do día, con todos os órganos da Administración xeral da Xunta de Galicia para a presentación de solicitudes, escritos e comunicacións relativas aos diferentes procedementos administrativos abertos por parte destes. Deste xeito o cidadán poderá exercer, en condicións totalmente seguras, o seu dereito de acceso á información e aos servizos electrónicos que o goberno galego pon á súa disposición na sede.

Desde que accede á sede o cidadán terá a seguridade de que toda a información que intercambia coa administración está cifrada e o acceso mediante certificado electrónico ou DNI que garante a identidade da persoa.

Vantaxes para a cidadanía
A sede evitará a desorientación da cidadanía grazas a un réxime común de tramitación administrativa e a unha estruturación independente de cambios organizativos. Simplifícase a relación entre cidadanía e Administración, facilitándolle un único interlocutor a efectos operativos. Ademais, a sede electrónica da Xunta garante o cumprimento dos Esquemas Nacional de Seguridade e Interoperabilidade, unha maior flexibilidade e adaptabilidade ante posibles cambios nos órganos da Xunta e unha maior seguridade, fiabilidade e dispoñibilidade do servizo.

Contidos e servizos
En canto aos contidos e servizos, a sede dispón dunha guía de procedementos e servizos á disposición do cidadán con indicacións como os prazos de resolución, cales poden ser tramitados parcial ou completamente de xeito electrónico e incorporaranse así como os formularios necesarios para cada un deles.

Os cidadáns e as cidadás poderán consultar a información sobre o estado dos seus trámites a través do Cartafol do Cidadán e disporán dun apartado de queixas e suxestións onde interpoñer aquelas cuestións que consideren oportunas.

Tamén terán acceso a través da sede ao Diario Oficial de Galicia, á información do Taboleiro de anuncios electrónicos da Xunta, aos expedientes sometidos a información pública e á ligazón á Plataforma de Contratos Públicos de Galicia. Ademais, alberga o Rexistro electrónico da Xunta que será un punto de entrada máis para toda a documentación que a cidadanía poida xestionar coa Xunta de Galicia.

1210 lecturas