Galicia reforza o compromiso coa emigración cunha estratexia ata 2020 con novas axudas ao retorno emprendedor e bolsas de excelencia para a mocidade

O presidente da Xunta clausurou este mediodía a Comisión Delegada do XI Pleno do Consello de Comunidades Galegas.

Incide que os máis de medio millón de galegas e galegos no exterior serán unha prioridade, como reflicte o incremento dun 20% da Secretaría Xeral ata os 11 millóns.

Co obxectivo de dar resposta, especialmente, á demanda procedente de Venezuela, cuxas e cuxos habitantes están a atravesar unha situación que empeora cada día, o titular da Xunta resalta o incremento das axudas extraordinarias ao retorno que, en 2018, para Venezuela se incrementarán.

Destaca e agradece o labor das comunidades galegas no exterior, “sen as que non sería posible conservar a nosa identidade e a nosa cultura fóra do territorio galego”.

  • O presidente da Xunta clausurou este mediodía a Comisión Delegada do XI Pleno do Consello de Comunidades Galegas
    O presidente da Xunta clausurou este mediodía a Comisión Delegada do XI Pleno do Consello de Comunidades Galegas
  • O presidente da Xunta clausurou este mediodía a Comisión Delegada do XI Pleno do Consello de Comunidades Galegas
    O presidente da Xunta clausurou este mediodía a Comisión Delegada do XI Pleno do Consello de Comunidades Galegas
Listen to this page using ReadSpeaker
Celanova (Ourense), 13 de decembro de 2017.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe o reforzo do compromiso coa emigración coa aprobación, no primeiro trimestre do ano que vén, do Plan estratéxico da emigración ata 2020, cuxo principal obxectivo será “ademais de seguir protexendo a nosa lingua e a nosa cultura, a proxección exterior da Comunidade e fomentar o retorno a Galicia”.

No tocante ao este último punto, Feijóo subliñou que en 2018 a Xunta continuará desenvolvendo tres liñas de acción: con novas Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, co fin de axudar a que os 100 mellores expedientes académicos de galegas e galegos residentes no exterior poidan cursar un mestrado nunha universidade galega. E, en segundo lugar, incrementando as axudas ao retorno emprendedor, “para guialos na andaina de iniciar unha actividade en Galicia ou crear unha empresa”.

Así mesmo, e co obxectivo de dar resposta, especialmente, á demanda procedente de Venezuela, cuxas e cuxos habitantes están a atravesar unha situación que empeora cada día, o titular da Xunta resaltou o incremento das axudas extraordinarias ao retorno que, en 2018, para Venezuela se incrementarán.

Durante a clausura da Comisión Delegada do XI Pleno do Consello de Comunidades Galegas, Feijóo insistiu en que outra das prioridades do Goberno galego de cara á emigración será seguir traballando para mellorar a situación dos galegos e as galegas residentes no exterior con necesidades máis urxentes. E, ao igual que no caso dos programas de retorno, tamén neste eido, as cidadás e os cidadáns galegos que viven en Venezuela seguirán a ser o principal grupo destinatario das axudas.

Deste xeito, á asistencia en forma de medicamentos sumaranse outras individuais e de emerxencia social que, en conxunto elevarán o investimento da Xunta para garantir o benestar das galegas e os galegos de Venezuela, tanto residentes no país suramericano como retornados. De feito, o 80% das axudas extraordinarias ao retorno, o 42% das axudas ao retorno emprendedor e o 25% das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior destináronse a galegas e galegos de Venezuela.

O presidente do Goberno galego concluíu destacando e agradecendo o labor das comunidades galegas no exterior, “sen as que non sería posible conservar a nosa identidade e a nosa cultura fóra do territorio galego”, aseverou, incidindo en que os máis de medio millón de persoas galegas que residen no exterior serán unha prioridade para a Xunta, como reflicte o incremento dun 20% do orzamento da Secretaría Xeral da Emigración para o 2018, ata chegar ata os 11 millóns de euros.

Con este acto púxose fin a dúas xornadas nas que as e os membros da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas tiveron oportunidade de coñecer tanto o balance da Secretaría de 2017, como as previsións para 2018. Unha vez que se expuxeron as liñas básicas, ábrese un prazo para que as distintas entidades de galegas e galegos residentes no exterior fagan as súas suxestións e achegas de cara a elaborar o documento definitivo do Plan estratéxico da emigración ata 2020.

1261 lecturas