A Fundación Galicia Innova impartirá cursos de Intelixencia Competitiva en Bos Aires, Panamá, Río de Xaneiro, México DF e Montevideo

O programa está dirixido a mozas e mozos españois de ata 35 anos que leven residindo no país destinatario alomenos dende agosto de 2013.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2014.

A Fundación Galicia Innova desenvolverá en diversos países de América o "Programa de Desenvolvemento da Intelixencia Competitiva no PEME (COMPYTE)". Trátase de cursos de formación orientada á preparación da persoa para a súa entrada nun mundo globalizado e un mercado cada vez máis esixente e especializado, onde a Intelixencia Competitiva brinda a metodoloxía necesaria para captar, asimilar e explotar de xeito óptimo a información deste ámbito a prol de detectar novas oportunidades e facilitar e facer mais eficiente o proceso de toma de decisións. É, pois, unha materia novidosa, similar á Vixilancia tecnolóxica, con práctica e consultoría individualizada para a busca de oportunidades, mercados, tendencias... e como enlazala coa toma de decisións nas empresas.

Obxectivos e características do programa
A súa recente implantación proporciona unha nova especialización laboral e abre a porta á aparición dun novo nicho de postos de traballo e ofrece un enfoque novidoso para as e os emprendedores.

O apartado teórico conta cun extenso programa que se poderá descargar no apartado Formación da web www.fundaciongaliciainnova.org. O módulo práctico require realizar prácticas en empresa a escoller entre as 60 entidades colaboradoras.

Para participar nos cursos requírese ser español/a (DNI ou pasaporte) e menor de 35 anos (as persoas que cumprisen 35 despois do 1 de xaneiro de 2014 tamén poderían acceder), e levar residindo nos países participantes, como mínimo dende o 14 de agosto de 2013

Cidades e datas de celebración dos cursos:

  • Bos Aires: do 9 ao 20 de xuño
  • Panamá City: do 30 de xuño ao 11 de xullo
  • Río de Xaneiro: do 14 ao 25 de xullo
  • México DF: do 8 ao 19 de setembro
  • Montevideo: do 8 ao 19 de setembro

Ficha dos cursos:

  • Duración: 10 Horas teóricas + 4 Horas de consultoría individualizada de aplicación práctica
  • Coste: Financiado pola Dirección General de Migraciones - Ministerio de Empleo y Seguridad Social
  • Nº de participantes: máximo 24 por país
  • Inscricións: no enderezo de correo-e formacion@fundaciongaliciainnova.org indicando o nome, teléfono e D.N.I.
  • Máis info: www.fundaciongaliciainnova.org/formacion.html

 

1100 lecturas