Finaliza nunha semana o prazo para se acoller ás axudas ao autoemprego e á creación de empresas por parte de persoas emigrantes retornadas, ás que Emigración destina cen mil euros

A iniciativa do departamento que dirixe Rodríguez Miranda complementa, sen excluílas, as axudas da Traballo e Benestar, e do IGAPE, para autónomos e autónomas e persoas emprendedoras. 

Cunha contía máxima que pode chegar a 8.000 euros, téñense posto en marcha negocios como un taller de restauración, unha clínica dental, unha tenda ‘delicatessen’ física e en liña, ou un proxecto de agricultura ecolóxica, entre outras empresas.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2015.

O prazo para a presentación de solicitudes para se acoller á  resolución pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, e os seus cónxuxes, para o ano 2015, remata o vindeiro 30 de setembro.

Estas subvencións, cun orzamento global de cen mil euros e un tope máximo de 8.000 euros por solicitude (no caso de muller, menor de 39 anos, e membro dunha sociedade laboral ou cooperativa), son compatibles e complementarias ás axudas e establecidas -para tódalas fases de emprendemento- para a poboación galega xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), dependente da Consellería de Economía e Industria, e tamén ás da Consellería de Traballo e Benestar.

Este último departamento autonómico presenta cada ano liñas de financiamento para xeración de novas empresas, para persoas autónomas, emprendedoras e cooperativas, por valor superior aos 27 millóns de euros, cos que apoia o establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia, e as iniciativas emprendedoras e de emprego.

Contra o desemprego
Con estas liñas de subvencións ao emprendedor e emprendedora, o Goberno galego materializa o seu compromiso de apoiar a creación de novas empresas radicadas en Galicia e loitar contra o desemprego. No caso concreto da resolución de Emigración, preténdese que o retornado ou retornada aproveite a bagaxe, coñecementos e experiencias profesionais e persoais acadados no Exterior en beneficio de toda a comunidade, cree novos postos de traballo ao tempo que consolida a súa volta á terra, e mesmo contemple Galicia como destino para o investimento do seu patrimonio.

Esta resolución persegue que a persoa retornada poida beneficiarse desta liña específica de axudas para o seu proxecto de autoemprego ou empresarial, e tamén que lle serva de reclamo para coñecer as establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar para a poboación xeral.

Desta maneira, incentívase que os proxectos que teñan en mente as persoas de volta na Comunidade tomen forma canto antes, e axuden á recuperación do tecido económico na Galicia territorial, a través de iniciativas nadas dentro e tamén fóra do territorio, especialmente aquelas xeradas a raíz de experiencias profesionais no Exterior. Asemade, conséguese engadir viabilidade aos proxectos do galego residente arestora fóra da súa terra.

Obxectos da subvención
A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración subvenciona os gastos que leva consigo o establecemento das persoas galegas emigrantes retornadas ben como traballadoras ou traballadores autónomos ou por conta propia, ou ben como socias e socios traballadores de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado. Así, son obxecto de subvención para as e os destinatarios ata o 80 por cento dos gastos de notaría e rexistro, taxas, licencias administrativas, servizos profesionais externos, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pago para a realización de ventas en liña, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (tales como calefacción, auga, electricidade, telefonía e internet.

A contía tope da axuda é de 4.000 euros para autónomos e autónomas e 6.000 para sociedades laborais ou cooperativas, en ambos casos con 1.000 euros a maiores se a persoa solicitante ten 39 anos ou menos, e outro 1.000 máis se a persoa solicitante é muller.

Os requisitos que contempla a resolución é cumprir a condición de persoa galega retornada, que teña fixada a súa residencia en Galicia, e que estea dada de alta nalgúns dos réximes da Seguridade Social ou mutualidade do Colexio Profesional que lle corresponda.

909 lecturas