Feijóo transmite o pesar e a tristeza de todo o pobo galego polo falecemento de Adolfo Suárez, “un presidente que está xa na historia de España e na memoria e no corazón de todos os españois”

“Da súa man, os españois aprendemos a entendernos, a comprendernos e a camiñar xuntos”, subliña Feijóo.

“Con Adolfo Suárez España deixa de ser no mundo sinónimo de conflito ou ditadura, para servir de exemplo a moitos pobos que desexan vivir en democracia”, asevera.

Destaca que “Suárez uniu a súa integridade persoal e unha grandeza que se fixo patente tanto nas súas vitorias como nos seus momentos máis amargos”.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2014.

O titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, transmitiu hoxe o pesar e a tristeza de todo o pobo galego polo falecemento de Adolfo Suárez, “un presidente que está xa na historia de España e na memoria e no corazón de todos os españois”.

Alberto Núñez Feijóo trasladou á familia e amigos do expresidente o máis sentido pésame e o cariño de toda Galicia polo falecemento do primeiro presidente da democracia, que “logrou cambiar a historia de España”. “Despois dun pasado de enfrontamentos e desquites, Adolfo Suárez inaugura un tempo novo no que a reconciliación convértese na clave do futuro”, destacou, e engadiu que “o milagre da transición democrática leva o seu nome, e a súa herdanza fíxose máis grandiosa co paso dos anos”.

“Da súa man, os españois aprendemos a entendernos, a comprendernos e a camiñar xuntos”, subliñou. Do mesmo xeito, enxalzou a contribución do expresidente para que España recuperase a fe en si mesma. “Con Adolfo Suárez España deixa de ser no mundo sinónimo de conflito ou ditadura, para servir de exemplo a moitos pobos que desexan vivir en democracia”, aseverou.

Ao final, tras recordar os vencellos de Suárez con Galicia, o presidente galego puxo de manifesto as virtudes persoais de Adolfo Suárez como gobernante. “Adolfo Suárez uniu a súa integridade persoal e unha grandeza que se fixo patente tanto nas súas vitorias como nos seus momentos máis amargos”. “Sempre se mantivo erguido”, destacou, e concluíu que por todas esas razóns “sempre será un modelo de político e un modelo de persoa”.

647 lecturas