Feijóo reivindica o compromiso de Galicia coa diáspora: “Os dereitos dos emigrantes son os nosos”

Lembra que a Xunta apoia as comunidades galegas en Venezuela con máis de 1 millón de euros para loitar contra o desabastecemento de alimentos, garantir o subministro sanitario e axudar os retornados

O presidente da Xunta participou na entrega das Medallas de Honra da Emigración a Fernando Amarelo de Castro e Aurelio Miras
O presidente da Xunta participou na entrega das Medallas de Honra da Emigración a Fernando Amarelo de Castro e Aurelio Miras
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2017.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou esta tarde o compromiso de Galicia coa diáspora e a importancia de que este esforzo sexa correspondido polo Goberno central. Para o titular autonómico, “os dereitos dos emigrantes son os nosos”, polo que resulta imprescindible axudar os galegos do exterior que están a pasar por unha situación difícil.

Durante a entrega das Medallas de Honra da Emigración a Fernando Amarelo de Castro e Aurelio Miras, Feijóo lembrou o papel destacado de ambos os ex-responsables de Emigración da Xunta na consolidación do concepto de galeguidade, que, segundo dixo, “reparou unha vella inxustiza, contribuíu a unir a Galicia espallada e iniciou un camiño irreversible”. Esta senda de unidade sería continuada polos seus sucesores, de tal xeito que hoxe “as políticas públicas que facemos desde Galicia non se poden concibir sen ter en conta que un de cada cinco galegos reside fóra das nosas fronteiras”, abundou.

O presidente do Goberno autonómico tamén quixo ter unhas palabras de apoio para as comunidades galegas en Venezuela, ás que se lle vén de dedicar unha partida de 600.000 euros no marco da Lei de actuacións de apoio ao crecemento económico e reforzo do gasto social. Estas axudas engádense a outras que a Xunta xa tiña en marcha para loitar contra o desabastecemento de alimentos, garantir o subministro sanitario e apoiar os emigrantes retornados. “Non nos esquecemos de vós, porque vós sodes tan galegos como o que máis e vos merecedes que Galicia non vos deixe sós”, concluíu Feijóo.

1278 lecturas