Feijóo avanza que a Estratexia Retorna 2020 facilitará a volta de máis de 20.000 galegas e galegos do exterior

Asevera que a estratexia conta cun conxunto de 50 iniciativas cun orzamento total de 235 millóns de euros.

  • O presidente da Xunta na rolda de prensa posterior ao Consello
    O presidente da Xunta na rolda de prensa posterior ao Consello
  • O presidente da Xunta na rolda de prensa posterior ao Consello
    O presidente da Xunta na rolda de prensa posterior ao Consello
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 12 de abril de 2018.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Estratexia Retorna 2020 facilitará a volta de máis de 20.000 galegas  e galegos do exterior. Conta cun conxunto de 50 iniciativas cun orzamento total de 235 millóns de euros. A contía estará dividida en 15 millóns de euros destinados a medidas específicas e 220 millóns para propostas transversais, que contarán con incentivos específicos para as e os retornados.

Entre os principais obxectivos da Estratexia Retorna 2020 están: incrementar nun 50% o número de persoas retornadas, promover o regreso de máis de 20.000 galegas e galegos e que o 60% dos que retornen (é dicir, un mínimo de 12.000 persoas) teñan menos de 45 anos.

En relación ás medidas específicas para os retornados e retornadas, o titular da Xunta destacou a creación da Oficina integral de asesoramento e seguimento á persoa emigrante retornada, que contará cun conxunto de persoal técnico cualificado, cunha oficina virtual de atención á persoa retornada e cun teléfono de atención e asesoramento específico para as e os retornados.

No eido da formación, Feijóo referiuse tamén á creación dunhas bolsas para que as e os emigrantes cursen na comunidade un ciclo de FP superior, cunha achega de ata 5.000 euros por alumno e alumna; e o reforzo das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior, cuxa segunda edición axudará financeiramente aos mozos e mozas con formación universitaria que queiran cursar un mestrado en Galicia, cunha achega que oscila entre os 7.000 e os 11.500 euros por alumno ou alumna.

Así mesmo, reforzaranse as axudas ao retorno emprendedor, que facilita ata 10.000 euros para que as e os retornados poñan en marcha o seu negocio e porase en marcha unha nova liña nas axudas extraordinarias á e ao emigrante retornado, para familias con fillas ou fillos menores de idade que se establezan en Galicia.

Sobre este punto, o presidente do Executivo autonómico anunciou unha achega de 1.000 euros por nena e neno ata a segunda filla ou fillo e 1.500 a partir do terceiro, cun 25% máis en caso de que a residencia estea fixada no rural.

Medidas transversais
Por outra banda, e en relación ás medidas transversais, cómpre subliñar que nesta estratexia encádranse iniciativas como a adaptación das medidas de impulso á natalidade, como a Tarxeta Benvida, ás circunstancias especiais das familias retornadas, para que poidan acceder desde que se empadroan; incorporación das e dos estudantes retornados nas axudas destinadas aos universitarios e universitarias con dificultades para continuar os estudos por causas sobrevidas; ou o incremento dos incentivos á contratación para as empresas que conten con persoas emigrantes retornadas sen emprego, cun aumento do 25% nestes casos e unha contía máxima de 8.000.

Introduciranse ademais incentivos específicos nas axudas á contratación indefinida por parte de traballadoras e traballadores autónomos e nos programas de consolidación do emprego en novas pemes, cun aumento do 25% e un máximo de 8.000 euros. Por último, en materia de vivenda, contarase coas e cos retornados como colectivo específico para as axudas ao alugueiro.

1051 lecturas