Feijóo agradece a Peña Nieto a súa confianza en Galicia durante todo o seu mandato

O titular da Xunta reuniuse na tarde de onte, ás 19.30 hora local (02.30 hora en Galicia), co presidente dos Estados Unidos Mexicanos.

Transmítelle o agradecemento do Goberno galego por apostar, nos momentos de dificultade, pola Comunidade, polas súas empresas e a súa profesionalidade e experiencia, e pola súa capacidade de traballo e compromiso.

Lembra que o presidente mexicano non só mostrou o seu firme compromiso cos acordos alcanzados no naval senón que a cooperación entre ambos os territorios se estendese a outros sectores económicos.

“En definitiva, é unha honra poder despedirme do presidente nesta reunión bilateral cuxo mandato remata a finais deste ano ante as próximas eleccións presidenciais que terán lugar no vindeiro mes de xullo”, incide.

Listen to this page using ReadSpeaker
Cidade de México, 4 de maio de 2018.

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, agradeceu onte na súa reunión institucional co presidente dos Estados Unidos Mexicanos, Enrique Peña Nieto, a súa confianza en Galicia durante todo o seu mandato, reflectida especialmente na alianza estratéxica da Comunidade con Pemex.

Ao longo do encontro, que tivo lugar na residencia oficial Los Pinos, Feijóo transmitiulle o agradecemento do Goberno galego por apostar, nos momentos de dificultade, pola Comunidade, polas súas empresas e a súa profesionalidade e experiencia, e pola súa capacidade de traballo e compromiso.

Feijóo e Peña Nieto fixeron balance das relacións entre México e Galicia durante os seis anos nos cales este último ocupou a presidencia do país azteca. Cómpre recordar que os dous mandatarios se reuniran na Cidade de México en abril de 2013.

Nesta liña, o responsable autonómico lembrou que o presidente mexicano non só mostrou o seu firme compromiso cos acordos alcanzados no naval senón que a cooperación entre ambos os territorios se estendese a outros sectores económicos como a automoción, o lácteo, o téxtil, o eólico ou as novas tecnoloxías. Non en van, neste período favoreceuse que Galicia puidese incrementar as súas exportacións ao país americano que, nos dous últimos anos, aumentaron máis dun 70%.

Feijóo quixo poñer en valor tamén a importancia do novo Tratado de Libre Comercio entre a UE e México que, cando entre en vigor, abrirá novas oportunidades para sectores estratéxicos de Galicia como o agroalimentario, o naval e a automoción.

“En definitiva, é unha honra poder despedirme do presidente nesta reunión bilateral cuxo mandato remata a finais deste ano ante as próximas eleccións presidenciais que terán lugar no vindeiro mes de xullo”, abundou.

Con esta xuntanza, o responsable do Goberno galego pon fin a súa visita á Cidade de México, desde onde partirá cara ao Estado de Oaxaca onde manterá novos encontros no eido institucional así como no universitario.

  • Audio coas declaracións do presidente da Xunta: picar aquí
60 lecturas