Feijóo afirma que a Galicia e os galegos e as galegas de hoxe son a proba de que as identidades múltiples son máis poderosas que as uniformes e de que o minifundismo non é bo

O presidente da Xunta asistiu esta noite á cerimonia de entrega dos Títulos de Excelencia Galega 2018 da Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña.

Refírese a Galicia como unha nacionalidade histórica do século XXI, con metas e aliados e que se sente partícipe de dous proxectos: a España democrática e a Unión Europea.

Asevera ver nas e nos premiados e nos membros da AEGA-CAT a representación do mellor patriotismo; baseado nos afectos, nas colaboracións e vencellos.

Listen to this page using ReadSpeaker
Barcelona, 6 de xullo de 2018.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a Galicia e as galegas e galegos de hoxe son a proba de que as identidades múltiples son máis poderosas que as uniformes e de que o minifundismo non é bo. Nin na agricultura, nin na empresa, nin na cultura, nin tampouco na política.

Durante a cerimonia de entrega dos Títulos de Excelencia Galega 2018 da Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña, Feijóo referiuse a Galicia como unha nacionalidade histórica do século XXI, con metas e aliados e que se sente partícipe de dous proxectos que amosan a capacidade dos homes e das mulleres para cambiar destinos que parecían funestos: a España democrática e a Unión Europea.

Ao respecto, e a modo de exemplo, subliñou que a Comunidade reclama o cumprimento dos prazos do AVE e reivindica un sistema de financiamento autonómico acorde co custo real dos servizos; “e faino en nome da xustiza e defendendo o mellor artellamento físico e económico do Estado”, precisou.

Así mesmo, aseverou ver nos premiados e premiadas e nas e nos membros da asociación a representación do mellor patriotismo. Un patriotismo baseado nos afectos, nas colaboracións e vencellos; que non se orienta por inimizades ficticias, senón por horizontes, metas e obxectivos e que para acadalos procura aliadas e aliados e compañeiras e compañeiros.

Nesta liña, destacou a carreira artística do premiado Javier Gutiérrez, “ferrolán e galego orgulloso de selo”; e a traxectoria deportiva do vigués Simón González, “un loitador que non coñece o K.O.”.

“En Clemente González Soler vemos á nova xeira de empresarios galegos que fan do mundo a súa casa. O Grupo Alibérico non colma os anhelos dun home presente e activo en numerosas asociacións profesionais e sociais”, engadiu, referíndose ademais ao labor desenvolvido polo galardoado co premio Excelencia Galega en Finanzas, Gerardo García Gómez, “un home situado na cúspide dos seguros e a banca”. E a María Luz Couce, unha das pediatras máis recoñecidas internacionalmente e que dirixe a Unidade de Diagnóstico e Tratamento de Enfermidades Conxénitas do Hospital Clínico de Santiago.

Sobre a premiada Xuntanza de Catalunya, Feijóo destacou ver nela unha ponte sempre aberta entre dúas terras irmás: “Agarimos de Badalona, a Casa Galega de L´Hospitalet, a Asociación de Amigos de San Froilán de Barcelona e o Centro Rosalía de Castro de Cornellá conflúen para que a presenza galega se sinta con máis intensidade”, dixo, trasladando os parabéns a Xosé García “e todo o noso alento no traballo de incorporar aos máis novos as tradicións dos seus maiores”.

288 lecturas