Este luns remata o prazo das axudas individuais para galegos no exterior, que este ano acadan os 2’3 millóns de euros.

Emigración subvenciona así as necesidades básicas de subsistencia e atención socio-sanitaria dos galegos en situación de precariedade económica.

O grao de dependencia, a gravidade das enfermidades e os seus tratamentos, os ingresos económicos, e a idade do solicitante, así como as cargas familiares, son os criterios básicos de valoración.

Listen to this page using ReadSpeaker
21 de febreiro de 2011.

 Hoxe luns, día 21, remata o prazo establecido na resolución pola que se establecen as bases reguladoras das axudas económicas individuais a galegos residentes no exterior para o exercicio de 2011, en réxime de concorrencia non competitiva, e dirixida aos emigrantes de orixe galega, e a determinados familiares residentes no estranxeiro, que acrediten atoparse en situación de precariedade económica, que fora publicado hai agora dous meses no Diario Oficial de Galicia.

Estas axudas están destinadas a cubrir as necesidades básicas de subsistencia e atención socio-sanitaria, e para a súa concesión destínanse 2.325.000 euros, de fondos da Comunidade Autónoma, xestionadas pola Secretaría Xeral da Emigración, que dirixe Santiago Camba.

Poden ser beneficiarias destas subvencións as persoas que demostren -segundo a documentación explicada na propia resolución- carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes para a subsistencia, e non pertencer a organizacións, comunidades ou institucións que polas súas regras ou estatutos estean obrigados a prestarlles asistencia.

Tipos de axuda
A convocatoria abrangue sete tipos de axuda. As primeiras son aquelas por unidade familiar en situación de precariedade; as segundas por situación de dependencia ou enfermidade grave do solicitante; as terceiras por situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar; as cuartas por invalidez ou enfermidade permanente; as quintas por cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves cando teñan un custo elevado; as sextas para as mulleres que sufran violencia de xénero; e as últimas para paliar unha situación de desemprego na unidade económica familiar.

De maneira xenérica, a contía da axuda mínima estipúlase en 200 euros, e a máxima en 900 euros, dependendo de diversos criterios de avaliación, e en función de se o país no que reside o emigrante ten asinado ou non convenio en materia de Seguridade Social co Estado español.

En calquera caso, unicamente poderá solicitarse unha axuda por feito causante, e cada solicitante poderá pedir unicamente unha axuda por un único suposto. Asemade, as axudas non orixinan ningún dereito subxectivo para os beneficiarios, e estarán condicionadas á dispoñibilidade orzamentaria.

As solicitudes, xunto co resto da documentación necesaria para cada caso, poden aínda presentarse ata o día de hoxe na propia Secretaría Xeral da Emigración (Rúa Basquiños, 2. 15704 Santiago de Compostela), nas delegacións da Xunta en Bos Aires e Montevideo, na Consellería de Traballo e Benestar, nas seccións consulares correspondentes, así como en seis entidades colaboradoras de Brasil (4), Cuba (1), e Uruguai (1).

Criterios de valoración
A disposición establece como criterios xenéricos de valoración e baremo o grao de dependencia, a gravidade das enfermidades padecidas, os ingresos económicos, e a idade do solicitante, así como as cargas familiares, todos eles demostrables documentalmente. Estipúlase a documentación xustificativa en cada caso, e un prazo de resolución que en ningún caso poderá superar os seis meses.

Esta liña de axudas é unha mostra máis da aposta do Goberno galego por apoiar e dar pulo, na medida do posible neste contexto de fonda crise económica, a un sector da poboación ao que se debe por xustiza histórica especial atención, coa fin de manter vivos os lazos da diáspora coa súa terra natal.

1428 lecturas