Escollidos os e as membros da nova Comisión Delegada, órgano permanente de representación da diáspora

Das e dos doce membros electos deste órgano, sete son novos no cargo.

Na clausura do X Consello de Comunidades Galegas, o secretario xeral da Emigración fixo un recoñecemento do papel da muller neste fenómeno, e apelou á suma de esforzos entre as entidades do Exterior.

No acto de peche estivo tamén presente o director xeral de Migracións do Goberno Central, Aurelio Miras.

Listen to this page using ReadSpeaker

Imaxe da clausura do X Pleno do Consello de Comunidades Galegas.As e os cento cincuenta representantes de casas e centros galegos con recoñecemento de galeguidade de todo o mundo, para concluír o X Consello de Comunidades Galegas, veñen de escoller ás e aos compoñentes da nova Comisión Delegada, máximo órgano permanente de representación da diáspora. Tiñan que optar por catro representantes de América (de entre 7 candidatos e candidatas), catro de Europa (de entre 8), e catro das outras Comunidades Autónomas españolas (de entre 9).

As e os electos son, pola circunscrición americana, os representantes da Unión del Partido Judicial de Órdenes de Bos Aires (Arxentina), da Hermandad Gallega en Caracas (Venezuela), da Sociedade Cultural Rosalía de Castro de La Habana (Cuba), e do Centro Gallego de Montevideo (Uruguai).

Pola circunscrición europea, resultaron electas e electos os máximos mandatarios da agrupación Xuventude de Galicia do Centro Galego de Lisboa (Portugal), do Centro Galego de Londres (Reino Unido), do Centro Gallego de Bruxelas (Bélxica), e do Centro Cultural Gallego de Frankfurt (Alemaña).

Finalmente, pola circunscrición española, saíron escolleitos as e os presidentes da Agrupación Cultural Galega Saudade de Barcelona (Cataluña), do Centro Gallego de Salamanca (Castela e León), da Asociación Hijos de Galicia de Sestao (Biscaia), e do Lar Gallego de Sevilla (Andalucía).

A estas e estes doce membros electos engádense á Comisión dous membros natos, sendos representantes do Centro Gallego de Bos Aires, e da Casa de Galicia de Montevideo. Das doce persoas membros por elección, repiten cargo unicamente cinco, os presidentes das entidades nomeadas de Caracas, Montevideo, Londres, Barcelona e Sevilla. Daquela, son novas e novos xusto a metade das e dos membros da Comisión Delegada. Cómpre salientar que a participación foi case plena, rexistrándose unicamente unha abstención entre o colexio de electores, as casas e centros galegos de todo o mundo con recoñecemento oficial de galeguidade.

Consello da Xunta e Parlamento
O nomeamento e constitución oficial da Comisión tivo lugar inmediatamente antes da clausura oficial deste X Consello de Comunidades Galegas, que correu a cargo do secretario xeral da Emigración, Santiago Camba. No acto tamén estivo presente o director xeral de Migracións do Goberno Central e ex conselleiro de Emigración da Xunta, Aurelio Miras.

Na súa alocución, Camba reivindicou o papel da muller no pasado pero tamén no presente da diáspora, e incidiu na necesidade da unión de intereses entre as entidades con menor actividade, menor renovación xeracional, maiores dificultades económicas, ou meirande dispersión xeográfica.

Asemade, o máximo responsable de Emigración na Xunta recordou o importante papel que as entidades galegas no Exterior poden xogar a favor da internacionalización como estratexia comercial de presente e futuro para a empresa galega, especialmente agora que a crise económica obriga á diversificación xeográfica da oferta.

Trátase dun obxectivo común que quedará ademais reforzado na nova Lei de Galeguidade, cuxo proxecto ven de recibir o visto e prace deste X Consello, e que en breve será remitido ao Consello da Xunta para o seu visto e prace e, se así o estima oportuno, o eleve ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

975 lecturas