Emigración traslada o seu pesar polo pasamento de Xosé Neira Vilas, un dos seus autores máis destacados e membro egrexio da diáspora galega

  • Xosé Neira Vilas. Foto: Héctor Santos-Díez
    Xosé Neira Vilas. Foto: Héctor Santos-Díez
  • Na foto de arquivo, o presidente da Xunta de Galicia entregando a Xosé Neira Vilas da Medalla de Ouro de Galicia nun acto celebrado o pasado 24 de xullo
    Na foto de arquivo, o presidente da Xunta de Galicia entregando a Xosé Neira Vilas da Medalla de Ouro de Galicia nun acto celebrado o pasado 24 de xullo
  • Na imaxe de arquivo, Xosé Neira Vilas (terceiro pola dereita) durante o acto de entrega das Medallas de Galicia na súa categoría de Ouro, xunto coa e cos outros galardoados e o presidente da Xunta de Galicia o pasado 24 de xullo
    Na imaxe de arquivo, Xosé Neira Vilas (terceiro pola dereita) durante o acto de entrega das Medallas de Galicia na súa categoría de Ouro, xunto coa e cos outros galardoados e o presidente da Xunta de Galicia o pasado 24 de xullo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2015.

Co pasamento esta mañá de Xosé Neira Vilas na súa localidade natal de Gres (Vila de Cruces – Pontevedra, 1928-2015) Galicia perde a un dos Bos e Xenerosos, e a nosa  diáspora a un dos seus máximos representantes e valedores.

O autor de Memorias dun neno labrego -o libro máis lido da historia da literatura galega- tivo unha vida estreitamente ligada á emigración, que deixará unha fonda pegada tanto na súa vida persoal como na súa formación e obra: en 1949, con apenas 20 anos, marcha á Arxentina, onde estudou xornalismo, e entra en contacto con galeguistas como Luís Seoane, Rafael Dieste ou Ramón Suárez Picallo e onde tamén coñece a súa dona, a cubana Anisia Miranda. Despois marcha vivir a Cuba, onde residirá de 1949 a 1961, e na  Habana funda a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, que dirixirá durante 22 anos.

En 1992 regresou a Galicia para vivir en Gres, onde se localiza a Fundación que leva o seu nome, e desde a que desenvolveu ata o seu falecemento un importante labor de dinamización cultural e lingüística: mesmo este pasado mes de xullo presentaba o libro Semente galega en América, un catálogo de galegos e galegas aos que o crucense máis universal homenaxeaba por deixaren a súa pegada creadora e innovadora nas terras de alén do Atlántico, e, días despois, recibía do presidente da Xunta a Medalla de Galicia na súa categoría de Ouro.

Autor de máis 60 obras, Xosé Neira Vilas era membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas universidades da Coruña e da Habana e Fillo predilecto do Concello de Vila de Cruces. Entre outros galardóns recibiu a xa citada Medalla Galicia e a Medalla Castelao, o Premio Laxeiro, o Pedrón de Honra, o Premio Trasalba, o Premio da Crítica Española (novela en galego) e da Crítica Galega (ensaio), o Premio Otero Pedrayo e o da Cultura Galega na modalidade de Letras.

Galicia –a territorial e a da diáspora, toda a Galicia universal- non o esquecerá xamais.

1244 lecturas