Emigración e o Consello da Cultura Galega colaborarán en diversas actividades relacionadas coa diáspora

Rodríguez Miranda e Villares Paz asinaron o acordo, grazas ao cal realizaranse unhas xornadas de estudo da actualidade dos movementos migratorios e actualización do concepto de cidadanía no Exterior.

O documento dará cobertura á elaboración dunha primeira fase do plan director para a conservación do patrimonio documental das sociedades de galegos e galegas no Exterior.

Imaxe da sinatura do convenio levada a cabo esta mañá en Santiago de Compostela
Imaxe da sinatura do convenio levada a cabo esta mañá en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e  mailo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, asinaron esta mañá en Compostela un acordo de colaboración entre as institucións que dirixen para a realización de diversas actividades relacionadas coa diáspora galega.

Mercé a este acordo, o Consello da Cultura Galega comprométese a destinar o importe do acordo a, entre outros obxectivos, elaborar unha primeira fase do plan director para a conservación do patrimonio documental das sociedades de galegos no Exterior, unha das obrigas derivadas da aprobación da nova Lei de Galeguidade. Ademais, levarase a cabo a dixitalización da documentación relacionada coa emigración depositada en arquivos consulares en Brasil e Cuba.

Asemade, é interese compartido de ambas institucións levar a cabo un estudo a fondo dos fluxos migratorios a e desde Galicia e levar a cabo unha actualización do concepto de cidadanía no Exterior, para o cal se organizarán as xornadas ‘Emigración e cidadanía’, cuxo financiamento queda amparado polo documento.

Ademais, o acordo servirá para que se realice unha publicación sobre o perfil biográfico de Eliseo Pulpeiro (editor de revista Céltiga, publicada en Bos Aires entre 1924 e 1932). Tamén froito do acordo, o Consello cederá á Secretaría Xeral o material executado no seu cumprimento, para a incorporación e publicación na súa páxina web, coa finalidade da súa difusión nas entidades galegas no exterior.

Achegas
O importe do acordo ascende a 42.500 €, dos que o 76 por cento (trinta e dous mil cincocentos euros) son achegados pola Secretaría Xeral da Emigración, e corresponde o 24 por cento restante (10.000 €) á propia institución encargada de realizar os traballos, o Consello da Cultura Galega.

Segundo establece o acordo, para acometer as actividades obxecto do mesmo, o Consello da Cultura Galega deberá contar cun equipo de especialistas de recoñecido prestixio na materia, que deberán dirixir o traballo, comunicándollo previamente para o seu visto e prace á Secretaría Xeral da Emigración.

1199 lecturas