Emigración destina 575.000 euros ás axudas para apoio infraestrutural, co que completa o investimento de 1’6 millóns de euros para comunidades galegas no exterior

As entidades teñen de prazo ata o 13 de febreiro para presentar as solicitudes para estas axudas á conservación, obras, equipamentos e infraestrutura de instalacións, e para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable, dotadas no seu conxunto con 575.000 euros.

Rodríguez Miranda destaca que mediante estas liñas de apoio ás comunidades, a Xunta axuda a que a actividade das mesmas “poida redundar directamente na promoción da nosa cultura, pero sobre todo na atención aos galegos do Exterior, especialmente no eido social e  sanitario”.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2016.

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución que instrumenta as axudas anuais do Goberno galego ás comunidades galegas no Exterior de apoio infraestrutural. O prazo para que as entidades presenten as solicitudes rematará nun mes natural, o 13 de febreiro.

O orzamento total das axudas que hoxe recolle o DOG ascende a 575.000 euros, que se investirán a través de dous programas específicos. O primeiro, dotado con  425.000 euros, consiste en axudas para a conservación, obras, equipamentos e infraestrutura das instalacións (que inclúe medidas como reforma, rehabilitación e conservación de instalacións e/ou patrimonio cultural); e o segundo, para o que se reservan 150.000 euros, ten por obxecto axudas para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.

Esta convocatoria complementa a da pasada semana, de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos fins nas áreas culturais, sociais, de xuventude e formativas das comunidades galegas. En total, entre a convocatoria de hoxe, e a da semana pasada, desde o Goberno galego destínase 1’6 millóns de euros para axudar ás comunidades galegas, co obxectivo de reforzar a presenza de Galicia, á difusión da súa súa cultura, e a atención ás galegas e aos galegos, en tódalas sociedades e países con presenza destas comunidades.

O procedemento de concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos que se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

Acción social
En palabras do secretario xeral da Emigración, “axudar ao mantemento das institucións da diáspora é, ademais dun mandato estatutario, un dos obxectivos fundamentais desta Secretaría. E se o Goberno galego estivo ao carón destas comunidades nos peores tempos da crise, con máis razón estaremos agora que agroman de novo razóns para a esperanza económica”.

Afirma Rodríguez Miranda que, mediante estas liñas de apoio ás comunidades, a Xunta axuda a que a actividade das mesmas “poida redundar directamente na promoción da nosa cultura, pero sobre todo na atención aos galegos do Exterior, especialmente no eido social e  sanitario”.

Ademais das axudas publicadas hoxe e a semana pasada, as achegas da Secretaría Xeral da Emigración vense ampliadas a través de convenios coas entidades de carácter asistencial, complementando así a tarefa que desenvolven co apoio económico para contribuír ao mantemento deses centros de día, residenciais, e diversas actuacións de tipo asistencial.

Outras axudas adiantadas
Ademais destas axudas, a Secretaría Xeral da Emigración xa adiantou, ao 14 de decembro, a convocatoria anual das axudas individuais, das que se benefician oito mil familias galegas residentes no Exterior en situación de precariedade. A achega para esta outra liña de investimento social alcanza no orzamento de 2016 un total de 2’1 millóns de euros, o que supón en torno á terceira parte do orzamento efectivo de Emigración de 2016. O prazo para as solicitudes rematará o 8 de febreiro, polo que os trámites de presentación adiántanse un mes respecto do exercicio pasado.

Coa publicación das convocatorias no DOG, tanto das axudas económicas individuais para galegas e galegos no estranxeiro, coma das liñas de subvención para as comunidades galegas, a Secretaría Xeral cumpre co seu compromiso de adiantar todo o posible as achegas para investimento social directo, fundamental en moitos casos para o mantemento das condicións de vida das e dos galegos da diáspora.

1283 lecturas