Emigración apoia a activa participación da galeguidade na gran celebración das Federacións Autonómicas do País Vasco

Canda a Xunta de Galicia, outros tres gobernos colaboran, e o vasco patrocina, o III Intercambio Cultural entre as organizacións que representan á diáspora en Euskadi.

  • O III Intercambio Cultural de Federacións Autonómicas celebrouse na presente edición na localidade biscaíña de Barakaldo
    O III Intercambio Cultural de Federacións Autonómicas celebrouse na presente edición na localidade biscaíña de Barakaldo
  • Ramón Brigos durante a súa intervención
    Ramón Brigos durante a súa intervención
  • Imaxe do xantar de confraternidade ao que asistiron diversos membros da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi
    Imaxe do xantar de confraternidade ao que asistiron diversos membros da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi
  • Na imaxe, un dos grupos participantes no festival de danza e música
    Na imaxe, un dos grupos participantes no festival de danza e música
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2015.

O subdirector xeral da Emigración e das Comunidades Galegas, Ramón Brigos, representa este sábado á Xunta de Galicia no III Intercambio Cultural de Federacións Autonómicas que, nesta terceira edición, se celebra na localidade biscaíña de Barakaldo.

Trátase dun evento de confraternidade organizado pola Irmandade de Centros Galegos en Euskadi, a Federación de Asociacións Estremeñas de Euskadi, a Federación de Asociacións Rexionais Andaluzas de Euskadi, e a Federación de Centros de Castela e León no País Vasco, baixo o patrocinio do Goberno Vasco, e no que colaboran a Xunta de Galicia, e mais os gobernos rexionais de Estremadura, Andalucía, e Castela e León.

Ademais da intervención de autoridades, ao longo da xornada terán lugar exhibicións dos distintos grupos de danza e música que representan a cadansúa federación, e terá lugar un almorzo de confraternidade. Igualmente, durante todo o día haberá exposición, degustación e venda de produtos rexionais das comunidades participantes na iniciativa.

A ‘Irmandade’
A Irmandade de Centros Galegos en Euskadi créase en 1986 coa finalidade de promover e establecer nexos de unión e vínculos de cooperación e solidariedade entre as sociedades galegas afincadas en Euskadi, así como promover o coñecemento da lingua, cultura, historia, xeografía, folclore, gastronomía, e costumes de Galicia.

En Euskadi estímase que residen máis de 50.000 galegas e galegos nados en Galicia, representados nas dez asociacións que conforman a Irmandade: o Centro Galego de Bizkaia en Barakaldo, a Casa de Galicia en Bilbao, a Casa Cultural de Galicia ‘As Burgas’ de Eibar, o Centro Galego de Ermua, o Centro Galego de Llodio, a Casa de Galicia de Ondarroa, a Casa de Galicia en Guipúscoa (de San Sebastián), a Casa de Galicia en Santurce, a Agrupación ‘Hijos de Galicia’ de Sestao e o Centro Galego de Álava (en Vitoria).

A entidade encárgase de organizar diversas actividades comúns a tódalas asociacións, como concursos de poesía en galego ou de fotografía, e tamén o ‘Día de Galicia en Euskadi’, do que este ano se cumpre a trixésima edición. Fan rotar esta celebración da Galeguidade en Euskadi entre as distintas localidades na que se radican as entidades galegas e ten unha importante repercusión social, cultural e mesmo política, pois a ela acoden representación de tódalas institucións vascas, sendo habitual a presenza do propio lehendakari, mostra da relevancia da colectividade galega na Comunidade Autónoma vasca.

A relevancia social da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi fixo posible que, nos seus dous primeiros anos de funcionamento, a área expositiva sobre a actualidade e calidade galegas ‘Galicia, Pórtico Universal’ estivera precisamente presente no Día de Galicia en Euskadi, na primeira ocasión en Santurce e na segunda en Vitoria. En ambas ocasións, con amplo seguimento por parte da propia colectividade galega, pero tamén cunha importante repercusión entre a veciñanza local e visitantes.

1029 lecturas