Efe e TVG fanse eco da recollida de medicamentos organizada pola Asociación de Venezolanos do Deza

Reproducimos teletipo da Axencia Efe 'Venezuela recibe 805 quilos de medicamentos da Asociación do Deza', e axuntamos ligazón á noticia publicada pola Televisión de Galicia, nos que se informa da recollida de medicamentos por parte da Asociación de Venezolanos do Deza, e posterior envío e reparto ao país americano, que contou coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración.

  • Ana Rosa Martínez Ferradás, presidenta da Asociación de Venezolanos do Deza, en declaracións á Televisión de Galicia
    Ana Rosa Martínez Ferradás, presidenta da Asociación de Venezolanos do Deza, en declaracións á Televisión de Galicia
  • Roberto González, presidente da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, agradecendo o envío organizado dende Galicia
    Roberto González, presidente da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, agradecendo o envío organizado dende Galicia
  • A Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas é a entidade encargada de xestionar a distribución dos medicamentos e material sanitario
    A Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas é a entidade encargada de xestionar a distribución dos medicamentos e material sanitario
Listen to this page using ReadSpeaker
Lalín (Pontevedra), 28 de decembro de 2016.

Ata 805 quilos de medicamentos e material sanitario partiron o pasado 23 de setembro da localidade pontevedresa de Lalín con destino a varios hospitais nas cidades venezolanas de Caracas e Valencia, que alcanzarían case un mes despois, tras un breve paso por Madrid.

Esta foi a achega coa que a Asociación de Venezolanos do Deza tratou de contribuír a paliar "a crise humanitaria e hospitalaria que está a acontecer" no país suramericano, explica a súa presidenta, Ana Martínez Ferradás, que dirixe unha organización encargada de prestar "asesoramento e colaboración" á xente que chega a Galicia procedente deste estado.

Este colectivo de inmigrantes radicado no centro de Galicia e no que "cada quen achega o que realmente pode" conta con máis de cen membros, un número en aumento nos últimos meses, ás e aos que se lles fornece información para poñer ao día a súa documentación e homologar os seus distintos certificados académicos e laborais.

Ademais, a asociación trata de "conservar as tradicións e culturas" do seu país de orixe, polo que -tal e como conta o seu portavoz- organizan actividades abertas ao público, como ceas ou exposicións.

É neste contexto no que, o pasado mes de xullo, decidiron organizar unha recollida solidaria de medicamentos e demais recursos sanitarios coa que, en tan só dous días, foron capaces de recompilar máis de 800 quilos destes produtos, destinados a paliar os déficits de subministración dos hospitais venezolanos.
Esta campaña contou coa "aceptación total" da Xunta de Galicia, quen colaborou activamente co proxecto e financiou mesmo os custos derivados do envío a Venezuela, que superaron de forma ampla os 6.000 euros.

Despois da súa clasificación, etiquetaxe e embalaxe, os produtos tomaron destino Venezuela, onde, coa axuda na xestión da Herrmandad Gallega de Venezuela, desembarcaron no caraqueño Puerto de la Guaira para repartirse despois entre o hospital infantil JM dos Ríos e o centro da terceira idade Hogar San José, así como unha cantidade que foi reservada para ser posta a disposición dos socios e socias da xa citada Hermandad.

Esta asociación galega no estranxeiro colabora "en infinidade de actividades", di José Alejandro, membro da súa directiva, coa Xunta de Galicia no país suramericano, no que é responsable de centros de día e de programas directamente dependentes da Secretaría Xeral da Emigración, como cursos ou obradoiros de aprendizaxe.

Así pois, neste caso, a Hermandad Gallega de Venezuela entrega os medicamentos achegados pola Asociación de Venezolanos do Deza aos seus socios e socias, previa presentación dun informe médico para evitar enganos, nun país onde o acceso a determinados fármacos é difícil, mesmo para as persoas con rendas altas.

"Cada un dos venezolanos que entra a unha farmacia sae cunha gran decepción por non conseguir nada ou, no mellor dos casos, cun medicamento dos oito que solicitou", narra José Alejandro, que incide en que "o máis grave" é a dificultade de subministración a laboratorios e hospitais, o que pon en risco o seu correcto funcionamento.

De volta en Galicia, a presidenta da Asociación de Venezolanos do Deza asegura que ten a idea de repetir envíos similares ao xa efectuado se persiste a situación "crítica" que o seu país de orixe atravesa no momento actual, aínda que matiza que para iso necesitan do apoio das institucións públicas.

Martínez Ferradás móstrase sorprendida co éxito dunha iniciativa pioneira en Galicia -en España unicamente se acometeu un envío similar por parte dunha asociación madrileña vinculada ao opositor encarcerado Leopoldo López- e destaca a implicación da comarca do Deza, onde "todo o mundo achegou o que puido" sen case excepcións.

Así mesmo, tanto os destinatarios como os remitentes, insisten en sinalar que a carga chegou íntegra a Venezuela, como se puido comprobar mediante un inventario, algo que agradecen por non sufrir ningún tipo de traba aduaneira ou diplomática a pesar de portar unha mercadoría de tan restrinxido acceso e tan valiosa.

1331 lecturas