Dispoñibles xa as axudas de ata 8.000 euros para a creación de empresas por parte de galegos e galegas do exterior que retornan ao territorio

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar as bases reguladoras para a concesión de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega por parte de persoas galegas retornadas, que xa deron pulo ata o de agora a medio centenar de iniciativas.

Esta iniciativa complementa, sen excluílas, as axudas para emprendedoras e emprendedores doutros departamentos autonómicos e doutras institucións públicas e privadas.

Xunto coas Bolsas de Excelencia para a Mocidade do Exterior, e as axudas extraordinarias para paliar situacións de dificultade, son as tres liñas coas que Emigración reforza o retorno.

Esta é a primeira das convocatorias que porán ao dispor dos galegos e galegas do Exterior máis de 850.000 euros neste ano 2017.

Antonio Rodríguez Miranda
Antonio Rodríguez Miranda
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras para a concesión de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas. A finalidade destas axudas é promover este retorno “subvencionando os gastos que leva consigo o seu establecemento como traballadores autónomos ou por conta propia, ou ben como membros traballadores en sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado”.

Para o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, “estas axudas supoñen unha tripla vantaxe para a sociedade galega no seu conxunto. A primeira, é que cumprimos o mandato estatutario, que obriga ás institucións galegas a axudar e fomentar que os galegos da diáspora regresen á terra. A segunda, que moitos e moitas destes emprendedores traen a Galicia uns coñecementos, experiencia, e modos empresariais, innovadores e competitivos. E a terceira e máis importante, que mercé a estas empresas e negocios, créanse novos postos de traballo e aséntanse no territorio novas iniciativas emprendedoras, con recursos humanos e económicos que ata o de agora se gardaban ou movían no Exterior”.

Esta convocatoria ten dado pulo a medio centenar de empresas desde a súa posta en marcha, e a súa concesión complementa, sen excluílas, as axudas doutros departamentos da Xunta, como a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ou o IGAPE, para autónomos e emprendedores galegos, residan onde residan. Tamén son perfectamente compatibles coas que convoquen outras institucións e organismos, públicos e privados.

Exemplos de negocios axudados
Entre os negocios que se teñen posto en marcha impulsados por estas axudas atópanse unha academia de idiomas, diversas distribuidoras en liña, un obradoiro de restauración, unha clínica dental, unha tenda delicatessen física e en liña, un proxecto de agricultura ecolóxica, unha tenda especializada en té, varias asesorías especializadas, ou un local de restauración con ludoteca para nenas e nenos, entre moitas outras iniciativas.

A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración subvenciona os gastos que leva consigo o establecemento do negocio, sendo obxecto de subvención para as e os destinatarios os gastos de notaría e rexistro, tributos, licencias administrativas, servizos profesionais externos, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pago para a realización de vendas en liña, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (tales como calefacción, auga, electricidade, telefonía e/ou internet).

A contía tope da axuda é de 8.000 euros por iniciativa de emprego ou autoemprego, e para acollerse cómpre, entre outros requisitos, ter a condición de persoa galega retornada, que teña fixada a súa residencia en Galicia, e que estea dada de alta nalgúns dos réximes da Seguridade Social ou mutualidade do Colexio Profesional que corresponda.

Das solicitudes concedidas na convocatoria do pasado ano 2016 deste programa, os beneficiarios e beneficiarias tiñan anterior residencia en Venezuela (o caso máis numeroso), Arxentina, Brasil, Reino Unido, Estados Unidos, Francia, Alemaña, Irlanda, Dinamarca, e Suíza. Dos negocios implantados, 10 teñen sede na provincia da Coruña, 4 na de Ourense, 2 na de Pontevedra e 1 en Lugo.

Outras dúas liñas
Ademais das axudas ao retorno emprendedor, a Secretaría Xeral da Emigración pon en marcha neste ano 2017 as bolsas específicas para captar á mocidade galega no Exterior mellor formada, e fomentar o seu retorno á Galicia territorial: as “Bolsas Excelencia Mocidade Exterior”, que xestionará Emigración en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, as universidades galegas, e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, queren atraer cada ano a galegos e galegas que viven fóra para que rematen aquí a súa formación, traballen en Galicia e fixen definitivamente a súa residencia no territorio galego.

Esta nova medida captará para Galicia o talento máis brillante de entre as mozas e os mozas residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral e contribuíndo a fixar novas e novos residentes no territorio. A oferta centrarase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego. Trátase da principal novidade no orzamento para 2017 da Secretaría Xeral da Emigración, e nela invístese integramente o incremento do mesmo: 500.000 euros.

Finalmente, o departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda non esquece a aquelas persoas que, por diversas causas vitais, requiren unha actuación máis dinámica e veloz por parte da Administración autonómica. Así, Emigración fai un acompañamento urxente a quen o necesita a través das “Axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas” (cun so pago único por persoa retornada), destinadas a facer fronte a aquelas causas sobrevidas derivadas do retorno e que requiren dunha atención social perentoria. Para esta liña de actuación destínanse este ano nos orzamentos da Secretaría 200.000 euros.

5369 lecturas