As delegacións da Xunta en Bos Aires e Montevideo tramitaron máis de 2.200 expedientes e 6.800 consultas o ano pasado

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitará ambas sedes no marco dunha viaxe institucional a Arxentina e Uruguai.

Durante a súa visita, o número dous da Xunta manterá un encontro co ministro de Xustiza e Dereitos Humanos arxentino, Germán C. Garavano.

Listen to this page using ReadSpeaker
Montevideo, 23 de outubro de 2016.

O vicepresidente, Alfonso Rueda, visitou a Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo, no marco dunha viaxe institucional a Arxentina e Uruguai, na que tamén visitará mañá a delegación bonaerense.

En 2015 ambas delegacións tramitaron máis de 2.200 expedientes e resolveron ao redor de 6.800 consultas. A maioría destes trámites están relacionados coa petición de axudas económicas ou programas da Secretaría Xeral da Emigración como “Conecta con Galicia” e “Reencontros na casa”. Tamén destacan as solicitudes de inscrición no Censo Electoral de Residentes Ausentes ou a petición de partidas de nacemento, matrimonio e defunción.

Doutra banda, dentro da actividade de ambas delegacións do Goberno galego destaca a continua divulgación de cursos, obradoiros e conferencias, así como a participación en eventos dos distintos centros da colectividade, tanto en Arxentina como en Uruguai.

A Delegación de Bos Aires organizou varias exposicións itinerantes, como “Galicia, Cen lugares para volver a mirada”, “Emigración Galega ás Américas” e “Galicia Imaxinaria”, esta última no ano en curso. Tamén, e por terceiro ano consecutivo, a Delegación arxentina organizou, en colaboración coas entidades galegas, o encontro Buenos Aires celebra Galicia, que congrega a miles de persoas ao longo da Avenida de Maio bonaerense.

No marco desta visita institucional, Rueda tamén se reunirá con responsables do Goberno da Nación Arxentina e da cidade de Bos Aires para analizar asuntos en común entre ambas administracións e a galega. Dentro de estas citas, destaca o encontro que manterá co ministro de Xustiza e Dereitos Humanos arxentino, Germán C. Garavano.

Participación da diáspora
Como medida para o achegamento real da Administración autonómica ao seus cidadáns e cidadás, residan onde residan, a Xunta de Galicia posúe dúas delegacións en cadanseu país de importante afluencia de emigrantes galegas e galegos durante as vagas históricas máis numerosas. Así, arestora, e segundo os datos do INE a 1 de xaneiro deste ano, viven na República Arxentina un total de 170.645 galegas e galegos, e 40.660 no Uruguai, correspondendo a segundas xeracións (fillas, fillos e netas e netos de galegos) un 74% e 79% desas cifras, respectivamente.

Estas delegacións da Xunta en Bos Aires e Montevideo cumpren o mandado recollido no Estatuto de Autonomía de Galicia, cando reflicte no seu artigo 7 (Título Preliminar) que as comunidades galegas teñen “dereito a colaboraren e compartiren a vida social e cultural do pobo galego”.

932 lecturas