Declaración institucional con motivo do pasamento de Xerardo Fernández Albor

Declaración institucional con motivo do pasamento de Xerardo Fernández Albor
Declaración institucional con motivo do pasamento de Xerardo Fernández Albor
Listen to this page using ReadSpeaker
12 de xullo de 2018.

Estabamos mantendo a xuntanza do Goberno cando coñecemos a triste noticia do falecemento do Presidente Albor.

Xerardo Fernández Albor foi unha das pezas fundamentais da historia galega do século XX e, sobre todo, un dos principais arquitectos da Galicia autonómica da que hoxe todas as galegas e todos os galegos estamos a desfrutar.

A débeda de gratitude que ten esta terra con Albor é tan grande que probablemente necesitemos moitos anos para poder comprendela en toda a súa importancia. Débeda de gratitude ao Presidente Albor como Presidente da Xunta, como intelectual, como doutor e como galego.

Como Presidente da Xunta, foi o máximo expoñente dun dos fundamentos da política galega: o sentidiño. Albor presidiu Galicia nunha época na que todo estaba por facer e el deixouno feito, pero sempre coa humildade e coa prudencia que o caracterizou ata o final.

Como intelectual, o Presidente Albor foi un dos grandes teóricos do galeguismo inclusivo, dunha idea de Galicia que non deixase fóra ningún sentimento, ningunha identidade, que non excluíse a ningún galego. A Galicia que imaxinou Albor é a Galicia que temos hoxe: profundamente galega, profundamente española e profundamente europea.

Como doutor, abandeirou unha visión social e moderna da medicina e amosou o seu compromiso coa formación de novos médicos e coa mellora do sistema asistencial en Santiago de Compostela.

E como galego, Albor demostrou que se poden atesourar todas estas calidades sen apartarse un palmo do seu pobo, ao que sempre foi leal, ao que sempre foi próximo e ao que sempre foi accesible.

Galicia tivo a fortuna de dispoñer dun home do Renacemento en pleno século XX. Aínda que podía ter escollido outros camiños na súa vida —probablemente moito máis doados—, Albor situou Galicia por diante de todos os camiños e puxo a súa formación, o seu talento e o seu carácter ao servizo do progreso de Galicia.

A súa única motivación como Presidente da Xunta resumiuna no seu primeiro discurso ante o Parlamento, tomando prestadas unhas palabras de Castelao: “Dar aos galegos luz na súa noite, pan ás súas demandas e dignidade á súa vida”

A luz, o pan e a dignidade que ten hoxe Galicia son parte da herdanza que nos deixa Xerardo Fernández Albor.

É moito o que podemos destacar do legado de Albor, pois viviu 100 anos dunha vida extraordinariamente activa e frutífera: déixanos o seu compromiso coa lingua e a cultura propias da nosa terra; déixanos a súa visión dunha Europa unida e dunha España unida na que Galicia ten voz propia; déixanos unha concepción da política baseada na nobreza, na xenerosidade e no servizo público e déixanos o seu traballo a prol dunha Galicia autonómica, con capacidade para resolver os nosos propios problemas desde a lealdade cara ao resto de España.

Se a Galicia de 1917 ten moi pouco que ver coa de 2018, é grazas a persoas como Xerardo Fernández Albor. Por iso creo sinceramente, e celebro terllo dito persoalmente en varias ocasións ao longo dos últimos anos, que Albor pode estar orgulloso da Galicia que deixa e que Galicia debe estar moi orgullosa de ter tido como Presidente a Xerardo Fernández Albor.

Hoxe, o Consello da Xunta acaba de decretar tres días de loito oficial polo seu falecemento, como xeito de expresar a dor e o recoñecemento que o noso pobo sente cara á súa figura. Vaise —nas súas propias palabras— un home que pensou que o diálogo é o mellor camiño, que o outro pode ter razón e que o fin nunca xustifica os medios.

Deixounos o home, pero a súa obra e o seu pensamento permanecerán sempre entre nós. Descanse en paz, Xerardo Fernández Albor.

435 lecturas