Cultura e Educación reforza a relación institucional con Arxentina para favorecer a internacionalización da cultura galega

O secretario xeral de Cultura reuniuse con representantes de Cultura dos gobernos da cidade e da nación no marco da súa visita institucional a Bos Aires con motivo da Feira Internacional do Libro, que inaugura hoxe a súa cuadraxésima edición.

A Dirección General de Industrias Culturales arxentina e a Consellería planifican a realización da segunda edición de MICAtlántica en 2015.

Galicia e Arxentina tamén colaborarán este ano na celebración do centenario de Julio Cortázar, que tivo unha especial vinculación coa nosa terra.

  • Anxo Lorenzo mantivo senllos encontros con representantes do Ministerio de Cultura do Goberno da Cidade Autónoma de Buenos Aires e tamén da Secretaría de Estado de Cultura
    Anxo Lorenzo mantivo senllos encontros con representantes do Ministerio de Cultura do Goberno da Cidade Autónoma de Buenos Aires e tamén da Secretaría de Estado de Cultura
  • Anxo Lorenzo mantivo senllos encontros con representantes do Ministerio de Cultura do Goberno da Cidade Autónoma de Buenos Aires e tamén da Secretaría de Estado de Cultura
    Anxo Lorenzo mantivo senllos encontros con representantes do Ministerio de Cultura do Goberno da Cidade Autónoma de Buenos Aires e tamén da Secretaría de Estado de Cultura
Bos Aires, 24 de abril de 2014.
Listen to this page using ReadSpeaker

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria afonda na relación institucional con Arxentina para favorecer o intercambio cultural e impulsar a internacionalización da cultura galega. Con este obxectivo, o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, mantivo senllos encontros con representantes do Ministerio de Cultura do Goberno da Cidade Autónoma de Buenos Aires e tamén da Secretaría de Estado de Cultura. Fíxoo no primeiro día da visita institucional que realiza estes días á capital bonaerense para apoiar a participación do sector editorial galego na XL Feira Internacional do Libro, que abre hoxe as súas portas ao público.

Participación galega en MICSur
Por unha banda, Anxo Lorenzo, mantivo unha reunión co director de Industrias Culturales de Argentina, Rodolfo Hamawi, na que ultimaron detalles da participación galega no Mercado de Industrias Culturales del Sur (MICSur), que se celebrará na cidade de Mar del Plata desde o 14 ao 18 do vindeiro mes. A primeira edición deste evento, que circulará por Latinoamérica, reúne seis sectores das industrias culturais –audiovisual, editorial, música, artes escénicas, videoxogos e deseño– dos dez países participantes: Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Ecuador, Paraguai, Perú, Uruguai e Venezuela.

Neste sentido, o representante da Consellería valorou que Galicia sexa o único territorio externo aos 10 países latinoamericanos que integran Mercosur e que o faga cunha representación empresarial e artística. Ao fío disto, sinalou que o obxectivo da presenza galega en MICSur é “desenvolver novos mercados próximos culturalmente, promover sinerxías de traballo común e impulsar o intercambio entre as canles de creación, produción e distribución de produtos culturais”.

Colaboración na celebración do centenario de Cortázar
No marco do encontro, que tivo lugar na sede da Secretaría de Cultura da Nación, tamén abordaron a colaboración de Galicia e de Arxentina nos actos de homenaxe que se realizarán arredor dunha das principais efemérides culturais de 2015, como é o centenario do nacemento do escritor arxentino Julio Cortázar, que mantivo unha vinculación especial con Galicia. Así mesmo, avanzaron na planificación da que será a segunda edición do Mercado das Industrias Culturais Atlánticas (MICAtlántica), que se realizará na Cidade da Cultura de Galicia en 2015.

Por outra banda, no seu primeiro día de estancia na capital arxentina, Anxo Lorenzo tamén se reuniu coa xefa do Gabinete do Ministerio de Cultura da Cidade Autónoma de Buenos Aires, Josefina Delgado, coa que valorou posibles vías de colaboración para fomentar o diálogo intercultural entre Galicia e Buenos Aires, centrado principalmente no ámbito literario,. No encontro tamén participaron a subdirectora xeral de Bibliotecas da Consellería, Cristina Rubal, e as coordinadoras de Asuntos Patrimoniais Estela Pagani e Patricia Pécora.

Proxección da literatura e do libro galegos
O secretario xeral de Cultura tamén explicou nestas dúas reunións que Santiago de Compostela será a cidade convidada á Feira Internacional do Libro de Buenos Aires en 2015. Este ano, o sector editorial galego participa un ano máis neste evento cultural de referencia arredor do libro co apoio da Consellería de Cultura e Educación.

Ata o 12 de maio, o stand de Galicia, no que tamén estará presente o Instituto Arxentino da Cultura Galega do Centro Galego de Buenos Aires, difundirá a produción editorial de Novagalicia Edicións, Edicións Xerais, Editorial Galaxia, Rodeira, Laiovento, Ir Indo, Editorial KNS, MC Sports, Edicións do Cumio, Everest, Fervenza Edicións, Espiral Maior, Edicións Nigra Trea, Baía Edicións, Auga Editora, Linteo e Edicións Tambre, entre outras. Ademais Kalandraka e OQO editora contarán con cadanseu stand no recinto feiral.

Ademais de acoller varios actos públicos de presentación de libros, o stand de Galicia servirá como punto de encontro para levar a cabo reunións comerciais nas que dar a coñecer a calidade da oferta editorial de Galicia, impulsar o negocio editorial nos mercados exteriores e favorecer o contacto con axentes do sector de todo o mundo. Nel tamén se realizarán presentacións de libros.

A cultura galega tamén estará presente na Feira do Libro de Buenos Aires a través dos escritores Armando Requeixo, Luís González Tosar e Luís Pousa, que, no marco dun acto literario-musical, serán os encargados de lle achegar o público da feira a literatura galega, cunha especial referencia á obra e á figura de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado coas Letras Galegas 2014. Para pechar o acto, o grupo galego Xardín Desordenado, con Santiago Ferragud (guitarra e voz), Marlene Rodrigues (voz) e Isaac Garabatos (guitarra) interpretarán diversos poemas para difundir a literatura galega a través da música.

709 lecturas