Cultura apoia a publicación dun libro-CD que recupera a memoria radiofónica da Galicia da emigración

‘Maruxa Boga. Recordando a Galicia’ de aCentral Folque afonda na figura desta muller pioneira da radifodifusión e no programa máis popular e lonxevo da radio galega na Arxentina, apadriñado por Castelao.

A presentación da obra terá lugar mañá, ás 19:00 horas, na sede do Consello da Cultura Galega, e contará coa actuación de Alejandro Vargas ao piano e da voz de Alba María.

Afonda na figura de Maruxa Boga, pioneira da radifodifusión e no programa máis popular e lonxevo da radio galega na Arxentina, apadriñado por Castelao
Afonda na figura de Maruxa Boga, pioneira da radifodifusión e no programa máis popular e lonxevo da radio galega na Arxentina, apadriñado por Castelao
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

A consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, apoia a publicación do libro-CD Maruxa Boga. Recordando a Galicia, de aCentral Folque, que recupera a figura desta muller emblemática da diáspora e a memoria do programa máis popular e lonxevo da radio galega na Arxentina. A obra preséntase mañá luns, ás 19:00 horas, na sede do Consello da Cultura Galega, que colabora con esta publicación a través dos seus arquivos gráficos e sonoros.

No acto van estar presentes o secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o xornalista Jesús Blanco, un dos autores do libro; Ramon Pinheiro, director artístico de aCentral Folque, e María Xosé Porteiro, en representación do Consello da Cultura Galega. A presentación completarase coa actuación de Alejandro Vargas ao piano e a voz de Alba María, que reinterpretarán dúas cancións contidas no disco do libro, da colección Chave Mestra.

Figura emblemática da diáspora galega
Maruxa Boga foi a principal locutora dos espazos radiofónicos galegos en Arxentina, nos que divulgou a música xerada na colectividade da emigración desde 1945 cando, seguindo a proposta que lle fixera Castelao, que apadriñou a primeira emisión, crea o programa Recordando a Galicia, que se mantivo en antena ata 1984.

Personaxe emblemático da diáspora galega, Maruxa Boga foi pioneira na radiodifusión e no ámbito artístico-musical. Nacida en Río da Prata en 1915 asumiu como propia a orixe galega dos seus pais (de Barbanza), participando desde nova da efervescencia cultural que caracterizaba a emigración de Arxentina.

Polo estudo de Recordando a Galicia pasaron intelectuais, artistas e escritores como Castelao, Luís Seoane ou Manuel Colmeiro. Pero sobre todo foi un espazo de difusión e posta en valor da música galega creada en Arxentina, contando co fondo musical que lle proporcionaban as casas discográficas locais e coas actuacións ao vivo das principais agrupacións, compositores e artistas residentes.

A Xunta colabora con esta publicación que serve como recordatorio e recuperación de parte da memorial cultural de Galicia, restablecendo a importancia que a radio galega tivo na emigración, e reivindicando a figura dunha muller que lle puxo voz e personalidade a toda unha época.

217 lecturas