Convocatoria de Bolsas 2017-2018 da Fundación Carolina para estudantes de Iberoamérica

A 17ª convocatoria presenta 521 bolsas no marco dunha oferta formativa de calidade e prestixio nos seus programas académicos, que apoia a innovación educativa e a formación de capital humano.

Esta oferta incrementarase nas próximas semanas grazas aos esforzos que a Fundación está a realizar.

A través do seu Programa de Formación, a Fundación Carolina actúa como un instrumento chave do Espazo Iberoamericano do Coñecemento.

O proxecto de mobilidade iberoamericano da Fundación Carolina contribúe a internacionalizar ás universidades españolas e a mellorar a imaxe exterior do país.

Bolsas 2017-2018 da Fundación Carolina
Bolsas 2017-2018 da Fundación Carolina
Listen to this page using ReadSpeaker
Madrid, 9 de xaneiro de 2017.

A Fundación Carolina abriu unha nova edición da súa convocatoria de bolsas, correspondente ao curso académico 2017-2018. Nesta 17ª edición ofértanse 521 bolsas distribuídas en cinco modalidades: 271 bolsas de posgrao, 70 de doutoramento e de estancias curtas postdoutorais, 27 bolsas de mobilidade de profesoras e profesores brasileiros, 4 bolsas de proxectos ao emprendemento, 34 bolsas de estudos institucionais e 115 renovacións (84 de doutoramento e 31 de posgrao de segundo ano). A convocatoria cobre a totalidade das áreas do coñecemento e está dirixida en exclusiva ás e aos estudantes de Iberoamérica para que completen a súa formación en España.

Nesta edición, a convocatoria suma un total de 166 programas académicos, dos que 158 son de posgrao, 4 de emprendemento, 1 de estudos institucionais, o programa de doutoramento, o programa de estancias curtas e o programa de mobilidade de profesorado do Brasil.

O prazo de solicitude para optar ás distintas modalidades de bolsa permanecerá aberto ata o 6 de abril. As e os candidatos poden atopar toda a información referente ás bolsas na web www.fundacioncarolina.es, desde onde se tramitan as solicitudes.

As modalidades de bolsas da Fundación Carolina son as seguintes:

  • Bolsas de posgrao. Dirixidas a graduadas e graduados dun país membro da Comunidade Iberoamericana de Nacións, con capacidade académica ou profesional avalada por un currículo sobresaliente
  • Bolsas de doutoramento e estancias curtas postdoutorais. Ambas as modalidades convócanse en colaboración cunha institución educativa de Iberoamérica, ben para propiciar a obtención do grao de doutor ou doutora en España; ben para perfeccionar a formación postdoutoral de profesoras e profesores de centros universitarios de Iberoamérica
  • Bolsas de mobilidade de profesoras e profesores brasileiros. Permiten unha estancia de investigación en España a profesorado ou persoal técnico superior de universidades, así como a investigadores e investigadoras de organismos públicos de investigación do Brasil
  • Proxectos emprendemento. Nesta modalidade as e os estudantes complementan a súa formación cun período de prácticas en empresas cun alto compoñente tecnolóxico, coa fin de que gañen experiencia laboral e adquiran unha aprendizaxe efectiva
  • Programa de bolsas de estudos institucionais. Axuda para o financiamento de plans de formación en centros españois que tendan ao fortalecemento institucional das administracións públicas iberoamericanas.

Sobre a Fundación Carolina
A Fundación Carolina constitúese no ano 2000 como unha institución para a promoción das relacións culturais e a cooperación educativa e científica entre España e os países da Comunidade Iberoamericana de Nacións. Pola súa natureza mixta e as súas actividades en formación de liderado e creación de capital humano, a Fundación Carolina é unha institución única no sistema da acción exterior española. Desde a súa creación asignou preto de 16.000 bolsas e axudas á investigación a universitarias e universitarios iberoamericanos.

Máis información:

3691 lecturas