Convocado o programa “Reencontros na Casa”, da Secretaría Xeral da Emigración, que na súa edición de 2017 traerá á Galicia territorial a 190 paisanos e paisanas da diáspora

O prazo de solicitude remata o 2 de maio de 2017.

Sumando a esta iniciativa as prazas da modalidade irmá (“Reencontros na Terra”, que se convoca no mes de maio), o número total rondará as 350.

  • Na imaxe de arquivo, o secretario xeral da Emigración coas e cos participantes na edición de 2016 de 'Reencontros na Casa'
    Na imaxe de arquivo, o secretario xeral da Emigración coas e cos participantes na edición de 2016 de 'Reencontros na Casa'
  • Na imaxe de arquivo, o secretario xeral da Emigración coas e cos participantes na edición de 2016 de 'Reencontros na Casa'
    Na imaxe de arquivo, o secretario xeral da Emigración coas e cos participantes na edición de 2016 de 'Reencontros na Casa'
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se regula e convoca o programa ‘Reencontros na Casa’ para residentes no exterior, na súa edición deste ano. Trátase dunha iniciativa que ten por obxecto ofrecer a posibilidade de achegar á súa terra, e á súa familia na Galicia territorial, aos galegos e galegas residentes nos diferentes países da diáspora iberoamericana.

A través deste programa facilítase que estas e estes emigrantes teñan a oportunidade de redescubrir as súas raíces, e ao tempo ponos en contacto coa realidade actual de Galicia, case sempre nos mesmos lugares nos que naceron. Para algúns deles e delas, de feito, é a primeira oportunidade de retornar á súa terra de nacemento, desde que iniciaran a súa nova vida noutros lugares.

O programa establece a concesión de axudas, polo valor do 60 por cento do custo da pasaxe, entre os seus países de residencia e Galicia, agás no caso de “países nos que existan dificultades para acceder ás divisas necesarias para sufragar a parte que debe aboar a persoa beneficiaria, debido a dificultades na política de cambio”. Nestes casos, a Administración galega poderá sufragar entre o 90 e o 100% do custo da pasaxe.

O papel da Administración galega, ademais de sufragar a parte correspondente da pasaxe, é o de velar pola súa saúde no traslado, e organizar coas familias o reencontro. Unha vez realizado este, son elas, as familias, as encargadas da manutención e hospedaxe dos beneficiarios e beneficiarias da iniciativa. A duración da estadía en Galicia non pode prolongarse en ningún caso máis aló dos 45 días.

Voltar á terra
As condicións que se establecen na edición deste ano do programa non varían respecto de anos anteriores: a persoa solicitante debe acreditar ter nacionalidade española e ser emigrante galega ou filla de persoa emigrante galega, residir en Iberoamérica, ter polo menos 65 anos, ser válida por si mesma, e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes da Secretaría Xeral de Emigración, ter familiares de ata cuarto grao de consanguinidade ou afinidade cos que poidan residir durante a súa estadía en Galicia, así como ter ingresos inferiores a tres veces o importe da pensión asistencial española por ancianidade marcada para o país de residencia (cantidade distinta á correspondente en España). Igualmente, poden beneficiarse as e os cónxuxes das e dos emigrantes galegos que cumpran algúns destes requisitos, segundo establece a orde reguladora do programa.

Aínda que as persoas participantes deben ter polo menos 65 anos, cómpre subliñar que a media de idade do continxente supera sempre con creces esta cifra, ata acadar decote os 75 e máis. É habitual que cada ano veñan varios participantes que levan décadas sen pisar a Galicia territorial, ou que mesmo non o fixeron desde a súa nenez.

Outra modalidade irmá
Existe outro programa similar a este, tamén da Secretaría Xeral da Emigración, denominado “Reencontros na Terra”, cuxa convocatoria ábrese decote en maio, e cuxo desenvolvemento ten lugar no outono. A diferenza fundamental respecto ao hoxe publicado é que, nestoutro, as persoas galegas residentes no Exterior veñen a Galicia a residiren nalgunha instalación dependente da Xunta de Galicia, en troques do domicilio dalgún o dalgunha familiar. Sumando as e os beneficiarios dunha e doutra modalidade, a Secretaría Xeral da Emigración facilita que na contorna de 350 galegas e galegos maiores e residentes fóra do territorio poidan volver á súa terra cada ano.

2080 lecturas