Convocado o programa ‘Conecta con Galicia’, que fai posible a convivencia de 200 descendentes de galegos e galegas con mozos e mozas residentes na comunidade

Este ano aumenta un 5’2% o número de prazas convocadas, e adiántanse os prazos de convocatoria e resolución, para facer máis áxil a xestión aos beneficiarios e beneficiarias.

A iniciativa desenvólvese en dúas modalidades, unha de actividades ao aire libre e outra en campos de traballo.

  • Imaxe do campo de traballo 2014 de Portomarín
    Imaxe do campo de traballo 2014 de Portomarín
  • Imaxe da visita do secretario xeral da Emigración ao campo de traballo que se desenvolveu o pasado verán no castro de Castromaior (na localidade lucense de Portomarín)
    Imaxe da visita do secretario xeral da Emigración ao campo de traballo que se desenvolveu o pasado verán no castro de Castromaior (na localidade lucense de Portomarín)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2015.

O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe a resolución pola que se regula e convoca o programa de axudas para a participación no programa “Conecta con Galicia” dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes persoas galegas e que residan no exterior, durante o ano 2015.

Trátase dunha iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se pretende que este colectivo teña oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega, e atoparse coas e cos seus familiares da outra beira do Atlántico.

O programa ten como obxectivo fortalecer esas ligazóns que relacionan a estes mozas e mozas coa terra das e dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

Así, o programa permitirá que 200 descendentes de galegos ou galegas podan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana coas e cos seus coetáneos desta parte do océano, pois a estadía realízase conxuntamente cun colectivo de rapaces e rapazas residentes na Galicia territorial.

Dez prazas máis en total
‘Conecta con Galicia’ desenvolvese en dúas modalidades. A primeira delas son actividades de aire libre, modalidade da que se beneficiarán 178 mozos e mozas galegos residentes fóra de Galicia, distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos. Este total supón 8 prazas máis ca na convocatoria do ano pasado.

Estes 178 beneficiarios e beneficiarias do programa compartirán con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días no mes de xullo, as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar.

Nestas instalacións  realizarán dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, as e os participantes aloxaranse nas residencias xuvenís Lug II de Lugo, e Florentino López Cuevillas de Ourense, onde participarán en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorrerán o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvólvese baixo o paraugas do epígrafe “O mar de Galicia” no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizarán actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.

Campos de traballo
A segunda modalidade son os campos de traballo, para os que se teñen convocado 22 prazas –dúas máis que en 2014-, para participantes con idade comprendidas entre os 20 e 30 anos. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da cultura galega, da mellora ambiental da contorna, e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico.

Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, os mozos e mozas seleccionados, tanto nunha modalidade como na outra, asistirán ás sesións informativas que se realicen nos seus países de orixe, especificamente encamiñadas ao coñecemento da realidade galega en xeral e das actividades a desenvolver no programa en particular. Tamén serán informadas e informados das súas obrigas respecto do cumprimento do réxime interno das residencias ou albergues en que serán  aloxadas e aloxados.

A resolución do DOG explica os requisitos que os candidatos deben reunir para poderen optar ao programa, e os lugares onde se pode presentar a documentación requirida. Tamén establece un prazo dun mes para a presentación das solicitudes, e outro máximo de tres meses para a publicación definitiva da listaxe das e dos beneficiarios.

Países
Neste ano resérvanse 74 prazas para solicitudes que proveñan da Arxentina (69 para actividades ao aire libre, e 5 para campos de traballo), 48 para Uruguai (44 e 4), 22 para Venezuela (20 e 2), 17 para Brasil (14 e 3), e 9 para Cuba (7 e 2). Para as que proveñan doutros países de América resérvanse 8 (6 e 2), para os países de Europa 10 (8 e 2), e para as que proveñan doutras Comunidades Autónomas españolas, outras 12 (10 e 2).

2391 lecturas