Convocado o novo programa “Aventúrate con Galicia”, co cal a Xunta pon a disposición da mocidade do exterior cincuenta prazas máis para que poidan ‘vivir’ a Galicia territorial

Mercé a colaboración entre Emigración e Política Social, rapazas e rapaces galegos da diáspora entre 14 e 17 anos de idade compartirán con residentes no territorio, a segunda quincena de xullo, actividades en tres lugares emblemáticos de Galicia, en instalacións dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Esta nova iniciativa complementa outras dirixidas á mocidade da diáspora, como ‘Conecta con Galicia’, ‘Escolas Abertas’, ou os cursos e obradoiros de formación.

  • Imaxe dunha das actividades que se desenvolven no campamento de Os Chacotes (Palas de Rei - Lugo)
    Imaxe dunha das actividades que se desenvolven no campamento de Os Chacotes (Palas de Rei - Lugo)
  • Na foto, unha das actividades de mar e de praia na Residencia xuvenil de Gandarío (Bergondo - A Coruña)
    Na foto, unha das actividades de mar e de praia na Residencia xuvenil de Gandarío (Bergondo - A Coruña)
  • Na foto, a paisaxe no Albergue Xuvenil de Area, en Viveiro (Lugo)
    Na foto, a paisaxe no Albergue Xuvenil de Area, en Viveiro (Lugo)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2016.

A Secretaría Xeral da Emigración publica hoxe a resolución pola que se convoca o programa -novo este ano- “Aventúrate con Galicia”, iniciativa dirixida a mozos e mozas con orixes en Galicia, e que residan no Exterior, realizado coa colaboración da Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Son tres as modalidades nas que se desenvolve o programa. A primeira, a de actividades no mar, ten como sede a residencia xuvenil de Gandarío, e para ela convócanse 20 prazas. A segunda, de actividades de natureza, ambiente e mar, ten un número similar de prazas e desenvolverase no Albergue Xuvenil de Area, en Viveiro. E a terceira, que leva por nome “Actividades de Aventura T”, ten 10 prazas e realízase no Campamento Xuvenil de Chacotes (Palas de Rei). Os tres centros dependen da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

Segundo se estipula na resolución hoxe publicada no Diario Oficial de Galicia, que especifica a documentación a presentar polas e polos solicitantes, e os detalles do desenvolvemento do programa, o prazo para a presentación de solicitudes remata o 9 de xuño.

A Xunta pon a disposición das persoas beneficiarias os servizos de aloxamento e manutención nos albergues xuvenís e residencias asignadas ao mesmo. Igualmente, responsabilízase do desprazamento dos beneficiarios e beneficiarias desde o aeroporto ou estación correspondente ata a instalación base das actividades.

Pola súa parte, cada unha das persoas beneficiarias farase cargo da organización e pagamento dos custos da súa viaxe de ida e de volta aos seus lugares de residencia ata e desde Galicia. Igualmente realizará as xestións necesarias para a saída e a entrada ao país, tales como visados ou pagamento de taxas.

Unha iniciativa nova
Este novo programa complementa outros dirixidos á mocidade que Emigración vén desenvolvendo desde hai anos, tales como ‘Conecta con Galicia’, ‘Escolas Abertas’, ou os distintos obradoiros e cursos que organiza para a formación das segundas xeracións dos galegos e galegas no Exterior.

Cómpre lembrar, neste aspecto, que do total de cidadás e cidadáns galegos residentes fóra do territorio, 7 de cada 10 xa naceron na diáspora, polo que reforzar os vínculos coa terra dos seus pais e nais e avós e avoas tense convertido nun obxectivo fundamental para a Xunta.

As datas de realización destas actividades serán as comprendidas entre os días 17 e 28 de xullo de 2016, e van dirixidas a mozos e mozas residentes fóra de Galicia con idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos de idade. Realizaranas, como o resto de programas que desenvolve Emigración, xunto con mozos e mozas residentes na Galicia territorial.

2737 lecturas