Convocadas as bolsas 'Ourense-Exterior' para a realización de estudos de mestrado no Campus de Ourense da Universidade de Vigo

Dirixidas á cidadanía residente no exterior, o prazo de solicitude remata o 17 de agosto.

Ourense, 30 de xuño de 2014.
Listen to this page using ReadSpeaker

O programa 'Ourense Exterior' abre as portas do campus de Ourense da Universidade de Vigo a todas e todos os cidadáns residentes no exterior que queiran iniciar os seus estudos de máster en calquera dos que se ofertan neste campus, a través dun sistema de bolsas en matrícula ordinaria.

O programa 'Ourense Exterior' pretende contribuír á oferta da formación educativa superior para residentes no exterior. Constitúe un instrumento destacado para favorecer a proxección internacional do campus de Ourense da Universidade de Vigo, toda vez que os fluxos de estudantes internacionais son un indicador da calidade educativa dunha institución universitaria e son un obxectivo das formulacións do Espazo Europeo de Educación Superior.

A finalidade da Universidade de Vigo, o seu Consello Social e a Excma. Deputación de Ourense é axudar ás e aos residentes no exterior a cursar estudos universitarios de mestrado no campus de Ourense de la Universidad de Vigo.

O número de bolsas é de dez, que sufragarán os gastos derivados das taxas de matrícula no centro que corresponda, así como os gastos de viaxe (ata un importe de 600 euros).

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias do programa as persoas en cursar un máster no campus de Ourense, en modalidade de matrícula ordinaria, que cumpran os seguintes requisitos:

  • Residencia no estranxeiro
  • Ter máis de 18 e menos de 30 anos
  • Estar en posesión dos requisitos académicos para acceder á titulación que se pretende cursar, e ser finalmente admitido ou admitida e matricularse para ser beneficiario ou beneficiaria da bolsa.

Presentación de solicitude e prazos
A solicitude presentarase nos rexistros da Universidade de Vigo, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de Novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de Xaneiro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.

Aquelas persoas solicitantes que non teñan acceso a un rexistro dos anteriores, poderán enviar o impreso de solicitude, unha vez asinado, xunto con toda a documentación solicitada, ao enderezo de correo electrónico Siope-ou@uvigo.es

O prazo de presentación de solicitudes empeza o día 31 de Xullo e remata o 17 de Agosto de 2014.

Información
A convocatoria da bolsa está dispoñible aquí. A solicitude pode descargarse en https://seix.uvigo.es/uv/web/formularios/encuesta/cubrir_paso1/263

Para calquera aclaración as e os interesados poden dirixirse ao teléfono 0034 988387102 ou ao correo electrónico Siope-ou@uvigo.es

As persoas interesadas terán que solicitar ademais á Universidade de Vigo a praza no máster do campus de Ourense no que se queiran matricular (http://www.uvigo.es).

 

Fonte: Universidade de Vigo

959 lecturas