Convocadas as bolsas Ourense Exterior 2016-2017 para a realización de estudos de mestrado no Campus de Ourense da Universidade de Vigo

Dirixidas á cidadanía residente no exterior que queira realizar estudos de mestrado no Campus de Ourense da Universidade de Vigo, o prazo de solicitude remata o 20 de xuño.

As persoas beneficiarias terán de balde a matrícula e axudas para gastos de viaxe e aloxamento.

Nos criterios de valoración das solicitudes terase en conta o feito de ser emigrantes ou descendentes de persoas emigrantes ourensás, galegas ou españolas.

O prazo de solicitude remata o 20 de xuño
O prazo de solicitude remata o 20 de xuño
Listen to this page using ReadSpeaker
Ourense, 2 de xuño de 2016.

No marco das actuacións para o fomento da internacionalización do campus de Ourense, cada ano véñense convocando as bolsas Ourense Exterior. O seu obxectivo é facilitar a mobilidade de cidadás e cidadáns residentes no estranxeiro que queiran cursar estudos de primeiro de mestrado nos centros e escolas deste campus. As persoas beneficiarias terán de balde a matrícula e axudas para gastos de viaxe e aloxamento. O prazo para solicitar algunha das cinco bolsas que se outorgarán para o curso 2016/2017 xa está aberto.

Requisitos e contías
Estas bolsas, que contan con financiamento do Consello Social da Universidade de Vigo, están destinadas a residentes no estranxeiro que se matriculen no curso 2016/2017 en primeiro curso dos estudos conducentes a estudos oficiais de mestrado impartidos no campus de Ourense. Ademais, deben ter máis de 18 anos; estar en posesión dos requisitos académicos necesarios para acceder á titulación que se pretende cursar; formalizar a matrícula e pagar as taxas administrativas da matrícula e cumprir todos os requisitos específicos establecidos pola Universidade de Vigo para os programas de mestrado, entre outros aspectos. Esta bolsa é incompatible con calquera bolsa ou axuda para cursar os estudos de mestrado oficial. A súa contía abrangue unha axuda de gastos de viaxe de ata 600 euros, unha axuda de gastos de aloxamento de ata 2500 euros e a matrícula, eximindo de pagar os prezos públicos por servizos académicos correspondentes ao curso 2016/2017.

O proceso de selección das persoas beneficiarias levarao a cabo unha comisión. Esta comisión valorará as candidaturas tomando como base a media do expediente académico que dá acceso aos estudos de mestrado; o feito de ser emigrantes ou descendentes de persoas emigrantes ourensás, galegas ou españolas e a memoria sobre a motivación de estudar no campus de Ourense e a aplicación futura dos coñecementos que adquirirá. Tamén se terá en conta a acreditación do coñecemento da lingua galega e no caso de que non se acredite a persoa solicitante deberá presentar por escrito o seu compromiso de asistir a un curso de formación en lingua galega de, como mínimo, 15 horas entre os ofertados ao longo do curso académico por parte da Area de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, sendo a matrícula nel de balde.

Prazo de solicitude
O prazo para solicitar estas bolsas está aberto ata as 14,00 h. do día 20 de xuño de 2016. Unha vez cuberto o impreso de solicitude, o documento presentarase xunto coa documentación necesaria no rexistro xeral ou rexistros auxiliares da Universidade de Vigo ou por calquera outro medio previsto na convocatoria. O alumnado que non teña desde o seu domicilio acceso próximo a algún dos rexistros recollidos na convocatoria poderá enviar o impreso, unha vez asinado, xunto con toda a documentación necesaria ao enderezo de correo electrónico siope-ou@uvigo.es.

Fonte: Universidade de Vigo

2117 lecturas